A Xunta premia a seis estudantes galegos pola súa excelencia nas ensinanzas artísticas profesionais

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP recoñeceu a excelencia académica de seis estudantes das ensinanzas artísticas profesionais a través dos premios extraordinarios correspondentes ao curso 2025/26. Os galardóns abarcan as especialidades de Música, Danza e Artes Plásticas e Deseño e teñen como finalidade poñer en valor o esforzo e o rendemento do alumnado galego.
Nesta edición, os premios recaeron en estudantes de seis especialidades diferentes. No ámbito musical, foron distinguidos Estela Pereiro Cao, na especialidade de Saxofón, e Romeu Tembras Sánchez, en Piano, ambos do Conservatorio Profesional de Música da Coruña, así como Hugo Viceiro Diz, na especialidade de Percusión, do Conservatorio Profesional de Música de Vigo.
No apartado de Danza, o recoñecemento foi para Miguel Figueiro Portabales, na especialidade de Danza clásica, alumno do Conservatorio Profesional de Danza de Lugo.
Pola súa banda, no ámbito das Artes Plásticas e Deseño, resultaron premiadas Andrea Domínguez Piefkowski, na especialidade de Gráfica publicitaria, do Centro Autorizado de Artes Plásticas e Deseño Aula D de Vigo, e Sandra Lusquiños García, na especialidade de Ilustración, da Escola de Arte e Superior de Deseño Pablo Picasso da Coruña.
Cada unha das persoas galardoadas recibirá unha dotación económica de 1.000 euros e un diploma acreditativo. Ademais, a distinción quedará reflectida nas súas certificacións académicas. Os premios tamén son compatibles con outras bolsas, axudas e recoñecementos, polo que os estudantes poderán optar igualmente ás convocatorias de ámbito estatal se cumpren os requisitos establecidos.
Para acceder a estes galardóns, o alumnado debía ter rematado os estudos durante o curso 2025/26 nun centro público ou privado autorizado de Galicia e contar cunha nota media igual ou superior a 8,75 puntos.
No caso das especialidades de Música e Danza, as persoas aspirantes tiveron que presentar unha gravación en vídeo coas interpretacións musicais ou coreografías esixidas nas bases da convocatoria. Pola súa banda, os estudantes de Artes Plásticas e Deseño achegaron a memoria e a documentación gráfica do seu proxecto integrado ou proxecto final.
Con estes premios, a Xunta busca recoñecer o traballo e a traxectoria académica do alumnado das ensinanzas artísticas profesionais, así como reforzar a importancia da cultura do esforzo no ámbito educativo.