A Xunta premia os 20 mellores proxectos científicos sobre o eclipse do alumnado galego

GaliciaXa | LugoXa | RibeiraSacraXa | ACoruñaXa | OurenseXa
Os proxectos premiados abranguen traballos de divulgación científica, investigación, observación astronómica e didáctica das ciencias elaborados nos centros educativos
premios-polos-creativos-galicia
10 Jun 2026

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, coñeceu hoxe os 20 proxectos galardoados pola Xunta como as mellores iniciativas científicas realizadas por estudantes desde os Polos Creativos arredor da eclipse solar total do próximo 12 de agosto. Fíxoo nunha visita á exposición na que docentes e alumnos amosan na Cidade da Cultura estes traballos, encontro co que se pechan as actividades realizadas nos Polos Creativos dos centros educativos ao longo deste curso para preparar o gran fenómeno astronómico deste verán.

O titular de Educación destacou que as iniciativas premiadas son “un reflexo do enorme potencial que existe nos centros educativos e do compromiso por impulsar metodoloxías activas que favorecen a aprendizaxe, a creatividade e o pensamento crítico”. Segundo indicou, os proxectos galardoados evidencian que a educación científica “resulta máis efectiva cando os estudantes son protagonistas da aprendizaxe e participan en proxectos reais conectados co mundo que os rodea”.

Os proxectos premiados abranguen traballos de divulgación científica, investigación, observación astronómica e didáctica das ciencias elaborados nos centros educativos ao longo deste curso grazas ao equipamento dos Polos creativos. Ao longo da xornada de hoxe, estudantes e docentes explicaron ao público visitante as solucións tecnolóxicas e experimentos desenvolvidos para a súa elaboración.

O encontro reuniu preto de 500 estudantes de diferentes etapas educativas, docentes, investigadores das universidades e integrantes da Axencia Espacial Escolar Galega (NOSA). A cita serviu tamén para difundir as actividades astronómicas previstas en Galicia nos meses previos á eclipse total do 12 de agosto. Neste marco, presentáronse as principais accións divulgativas que se desenvolverán durante o verán e que buscan facilitar á cidadanía recursos e información para seguir este fenómeno con garantías e seguridade.

Ademais, a Consellería deu a coñecer as liñas de actuación dos Polos Creativos para o próximo curso, que manterán a exploración espacial como eixo temático e incorporarán novas propostas vinculadas á robótica, á programación e ao desenvolvemento tecnolóxico.

A xornada concluíu co lanzamento da cápsula estratosférica MarumaSAT VIII, unha iniciativa impulsada pola Axencia Espacial Escolar Galega que permite ao estudantado participar en misións reais de exploración mediante globos sonda capaces de alcanzar os 30.000 metros de altitude. A misión incorpora distintos experimentos científicos destinados á recollida de datos e á análise das condicións da estratosfera, ofrecendo ao alumnado unha experiencia práctica de investigación que reproduce procesos propios da actividade aeroespacial e científica profesional.

premios-polos-creativos
0.1193950176239