A Xunta proba un novo pavimento no adarve da Muralla de Lugo para mellorar a súa conservación

A Xunta de Galicia está a ensaiar un novo tipo de pavimento no adarve da Muralla de Lugo, concretamente no tramo rehabilitado á altura da rúa do Moucho, co obxectivo de mellorar a conservación do monumento e reducir os problemas de filtracións de auga. Así o explicou o delegado territorial en Lugo, Javier Arias, quen detallou que esta actuación dá continuidade ás probas iniciadas previamente no cubo XVIII, nas inmediacións da Porta Miñá.
Segundo indicou, unha das mesturas experimentais utilizadas nese punto serviu de base para este cuarto acabado, no que se incrementa a presenza de tella, incorporada ademais en fragmentos máis pequenos. O propósito destas probas é avaliar o comportamento de diferentes combinacións, afinando tanto os materiais como as proporcións para comprobar a súa durabilidade, eficacia e viabilidade a longo prazo.
Entre os principais retos da intervención figura o de analizar o rendemento deste novo pavimento para evitar ou, cando menos, minimizar as filtracións de auga que afectan á estrutura. As mesturas empregadas inspíranse nas técnicas construtivas da época romana, combinando elementos como area, cal e fragmentos de lousa ou arxila.
Nesta fase cubríronse seis metros cúbicos de superficie, nun tramo de algo máis de 10 metros de lonxitude e ocupando toda a anchura do adarve. O responsable autonómico explicou que o material precisará arredor dun mes para fraguar, polo que mentres tanto permanecerá instalada a pasarela elevada habilitada para garantir o tránsito peonil.
Arias lembrou que esta actuación se aborda como complemento ás obras de reconstrución do treito de muralla que se derrubou o pasado mes de febreiro nas proximidades da porta de Santiago, uns traballos executados “nun tempo récord” e que supuxeron un investimento de 150.000 euros.
Neste sentido, destacou que esta intervención permite avanzar tanto no coñecemento da estrutura e da historia do monumento como na mellora das súas pautas de conservación, probando novas solucións fronte ás filtracións, que precisamente estiveron na orixe do derrubamento nese punto.
Así mesmo, avanzou que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude prevé destinar arredor de 1 millón de euros durante o período 2026-2027 a distintas actuacións incluídas no Plan de Conservación e Xestión da Muralla.