A Xunta respalda a candidatura de Lugo para acoller a sede da Axencia estatal de saúde pública

GaliciaXa | LugoXa
O Goberno galego ofrece colaboración total e propón como alternativa un edificio xa operativo no interior da muralla
reunion-francisco-balado-ramon-ares-caamano-centro-saude-castro
12 Jan 2026

A Xunta de Galicia manifestou o seu apoio á candidatura de Lugo para albergar a sede da Axencia estatal de saúde pública, creada recentemente polo Goberno central, unha decisión que contribuiría a consolidar o papel de liderado que Galicia vén exercendo neste ámbito. Unha vez definidos polo Estado os requisitos para a designación da sede física da axencia, o Consello da Xunta avalou a proposta que presentará o Concello de Lugo e comprometeu a máxima colaboración institucional para que a cidade sexa finalmente a elixida.

Para reforzar a candidatura, a Xunta trasladará ao Concello de Lugo os informes sectoriais favorables elaborados polos departamentos autonómicos implicados, entre eles os de Turismo, Transportes, Vivenda, a Axencia Galega de Infraestruturas e Educación, co obxectivo de apuntalar a proposta fronte ao Goberno central. Ademais, de maneira complementaria, o Executivo galego puxo á disposición do proceso o edificio do Departamento Territorial da Consellería de Sanidade como posible localización alternativa da futura axencia.

Este inmoble, no que actualmente se atopa tamén o Laboratorio de Saúde Pública de Galicia, conta cunha superficie de 4.900 metros cadrados, o que supón uns 900 metros máis do mínimo esixido. Trátase dun edificio preparado para permitir a posta en marcha inmediata da Axencia estatal de saúde pública, xa que dispón de oficinas administrativas, laboratorios, salón de actos e garaxes, e as adaptacións menores que puidesen ser necesarias serían compatibles co inicio da actividade. O edificio, propiedade da Xunta e que sería cedido ao Estado, sitúase na rúa Montevideo, no interior da muralla, nunha localización considerada estratéxica.

No caso de que esta opción fose finalmente a escollida, a Consellería de Sanidade ten xa previstas diferentes alternativas para o traslado do Laboratorio de Saúde Pública de Galicia, ben a dúas plantas do Hospital de Calde ou ao soto do Hospital Universitario Lucus Augusti, así como do propio Departamento Territorial, que podería desprazarse á cuarta planta do Centro Integral de Saúde de Lugo ou a un edificio titularidade do Instituto Nacional da Seguridade Social situado na praza de Ferrol.

Segundo as estimacións iniciais, a Axencia de Saúde Pública contará cun cadro de persoal duns 60 profesionais no seu primeiro ano de funcionamento e, en función do seu despregue e das posibilidades orzamentarias do Goberno central, podería chegar a xerar ata 300 postos de traballo. A candidatura de Lugo destaca tamén pola súa rede de acceso a medios de transporte público, tanto ferroviario como por estrada, así como pola súa proximidade ao aeroporto internacional de Santiago de Compostela-Rosalía de Castro, situado a uns 90 quilómetros, o que garante conexión aérea.

A cidade dispón, ademais, dunha oferta adecuada de aloxamento para visitas institucionais e de traballo, así como dun mercado inmobiliario suficiente, tanto en compra como en alugueiro, para acoller ao persoal da axencia. A estes factores súmase o dinamismo do tecido empresarial, administrativo, educativo e universitario de Lugo, cun campus da Universidade de Santiago de Compostela que alberga cinco facultades, entre elas Veterinaria, unha escola politécnica superior e dúas escolas universitarias adscritas, que reúnen a máis de 8.000 estudantes e ofrecen unha formación composta por 17 graos, 12 mestrados e 9 programas de doutoramento.

⚙ Configurar cookies
0.081977844238281