A Xunta rexeita o parque eólico Navallos en Castroverde e Baralla polo seu impacto sobre a avifauna

A Xunta de Galicia emitiu unha declaración de impacto ambiental desfavorable para o proxecto do parque eólico Navallos, promovido por Enel Green Power España nos concellos lucenses de Castroverde e Baralla. A resolución conclúe que a instalación non resulta ambientalmente viable debido aos efectos negativos que podería xerar sobre o medio natural e a avifauna.
Segundo recolle o informe, durante a avaliación identificáronse impactos adversos significativos derivados da execución do proxecto, especialmente no relativo á conservación da biodiversidade. Entre os argumentos que sustentan a decisión destaca o criterio desfavorable emitido pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural, considerado determinante na análise final.
Este organismo advirte de que a acumulación e concentración de aeroxeradores na zona provocaría un importante efecto sinérxico e acumulativo sobre as poboacións de aves e morcegos presentes na contorna. En concreto, sinala que a elevada densidade destas infraestruturas podería actuar como barreira para o desprazamento da avifauna e provocar un efecto de baleiro en áreas utilizadas habitualmente por estas especies.
A Dirección Xeral de Patrimonio Natural considera que estas afeccións deben cualificarse como un impacto ambiental crítico, ao entender que comprometen as necesidades ecolóxicas das poboacións afectadas. O informe tamén conclúe que o proxecto presenta impactos relevantes sobre o patrimonio natural e a biodiversidade, polo que prevé consecuencias ambientais significativas no caso de levarse a cabo.
Á vista destas consideracións, a Administración autonómica resolveu emitir unha declaración de impacto ambiental negativa, o que impide a continuidade da tramitación do parque eólico nos termos presentados pola empresa promotora.