A Xunta solicitará a autorización para solucionar os problemas de drenaxe de augas no barrio de Casás

LugoXa
Pola súa parte, o edil Alexandre Penas destacou que "a obra foi executada pola Xunta, a responsabilidade do concello é garantir que esta actuación non produce problemas na contorna".
javier-arias-delegado-xunta-galicia
18 Out 2024

O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, confirmou que o Goberno galego solicitará ao Concello de Lugo a autorización para realizar as obras que dean solución aos problemas de drenaxe de auga que se rexistran na contorna do aparcadoiro disuasorio da avenida Breogán, no barrio de Casás. Ante a inoperancia do Goberno local, din, o Goberno galego avoga por asumir eses traballos, malia ser un problema municipal que existía con anterioridade á obra do aparcadoiro e que está ademais fóra da zona na que se actuou.

“Trátase dun problema municipal pero, unha vez máis, ante o deixamento do Concello, que en lugar de buscar solucións se dedica a botar as culpas á Xunta, decidimos solicitar a autorización para asumir esas obras e poñer fin a unha situación que está causando evidentes molestias aos veciñas e veciñas do barrio, que se agravan nestes días de choiva”, explicou Arias. O delegado destaca que se trata dunha obra menor, de pouco importe, polo que lamenta que o Concello non asuma esa actuación, atendendo ademais á súa competencia, cando a Xunta vén de investir preto de 1,2 millóns de euros á construción do novo aparcadoiro disuasorio, con 148 prazas.

Na contorna do aparcadoiro, hai un regato e varias fontes de auga que discorren polos terreos ata chegar á rúa Monte Pena Rubia, cruzándoa por riba pola falta de calquera tipoloxía de obra de drenaxe. A situación preexistente fíxose máis evidente desde a construción do aparcadoiro, xa que antes parte da auga filtrábase aos terreos e, coa nova infraestrutura, a superficie deixou de ser permeable. A Xunta remitía -en decembro de 2023- un informe técnico ao Concello, alertando da situación e das afeccións que esa ausencia de drenaxe podía orixinar tanto no firme da rúa Monte Pena Rubia como no noiro da mesma.

“Hai case un ano que o Concello recibiu ese informe e a día de hoxe nin nos deu resposta nin levou a cabo actuación algunha para emendar a situación”, dixo o delegado, “O goberno local segue na súa liña de esquivar responsabilidades e achacar á Xunta os problemas derivados da súa falta de xestión”. Pola súa parte, o edil de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, afirmou que este anuncio sobre a reparación dos accesos ao barrio de Casás "é unha boa noticia que permitirá solucionar un problema que apareceu co inicio das obras de construcción do aparcamento da Avenida de Breogán". Penas destacou que "a obra foi executada pola Xunta de Galiza, a responsabilidade do concello é garantir que esta actuación non produce problemas na contorna".

A obra executada deixou os verquidos de augas directamente cara a un dos principais accesos ao barrio de Casás, o que impide que as veciñas e veciños poidan acceder ás súas vivendas especialmente en días de choiva. Penas reclamou "premura" á Xunta de Galiza "para poñer unha solución definitiva a esta situación antes de que as choivas fagan que este problema aumente". "Alegrámonos de que Xunta recoñeza o problema, aínda que cheguen tarde, e agardamos que cumpran o seu compromiso e freen o illamento do barrio de Casás", afirmou Penas. O edil de Infraestruturas destacou que este problema "vense denunciando por parte da veciñanza desde o comezo das obras", e destacou que "é preciso reformular o tratamento das augas pluviais para que este investimento de máis dun millón de euros non supoña o illamento da veciñanza de Casás".
0.16614603996277