A Xunta urxe a Concello e Deputación de Lugo a definir o financiamento da reforma da Protectora

LugoXa
A Administración autonómica compromete 250.000 euros para impulsar a ampliación das instalacións en Muxa
Xunta-e-Protectora-de-Lugo-2026
13 Apr 2026

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, mantivo un encontro con Alberto Losada, presidente da Sociedade Protectora de Animais e Plantas de Lugo, tras a presentación no Concello do proxecto técnico para a reforma das instalacións da entidade. Durante a reunión, Arias reiterou o compromiso do Goberno galego con esta actuación e instou tanto á administración local como á Deputación Provincial a “actuar e definir canto antes a súa postura” para permitir que o proxecto avance.

O representante autonómico destacou que a Xunta xa ten consignados nos seus Orzamentos 250.000 euros para colaborar na ampliación e mellora das dependencias da Protectora, e subliñou que a Administración galega está en disposición de asinar de maneira inmediata o convenio de cofinanciación a tres bandas comprometido para impulsar as obras.

Neste sentido, lembrou que a Xunta liderou a iniciativa desde o inicio, apostando pola adecuación das actuais instalacións situadas en Muxa. Ademais, foi a primeira administración en ofrecer a súa colaboración coa entidade, comprometéndose a achegar un terzo do financiamento necesario para levar a cabo os traballos.

Arias insistiu na necesidade de que o Concello e a Deputación “concreten sen máis demora” o acordo económico que permita executar un proxecto que cualificou de “prioritario para a cidade”, ao considerar que contribuirá a mellorar tanto o benestar animal como as condicións do servizo que presta a Protectora.

0.12835001945496