A Xunta urxe ao Concello de Lugo a asinar o convenio para reformar a rúa Serra de Meira

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, instou ao Concello a asinar “sen máis escusas nin demoras” o convenio necesario para avanzar na renovación integral da rúa Serra de Meira, un trámite que cualificou de imprescindible para que a Administración autonómica poida dispoñer dos terreos e iniciar os traballos nun viario de titularidade municipal.
Arias lembrou que o documento foi remitido ao goberno local o pasado 21 de xaneiro e lamentou que, máis de dous meses despois, continúe sen resposta. Segundo explicou, e co obxectivo de axilizar o proceso, a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas enviou tamén posteriormente o proxecto técnico, aínda que, segundo apuntou, este xa fora consensuado previamente en reunións entre ambas administracións.
O representante autonómico considera que esta situación evidencia unha falta de vontade por parte do Concello para impulsar a actuación, á que acusa de bloquear “unha intervención prioritaria para a cidade e moi demandada pola veciñanza”. Pola contra, defendeu que a Xunta está a cumprir coas súas obrigas e mesmo asumindo o financiamento íntegro da obra, cun investimento que pasou dunha previsión inicial de 400.000 euros a superar o 1,1 millóns de euros.
Ademais, advertiu de que a demora na tramitación pode poñer en risco os prazos previstos para licitar as obras no primeiro semestre do ano, polo que apelou á responsabilidade do executivo local para non frear unha actuación que permitirá transformar esta rúa nun espazo máis seguro e accesible.
A intervención prevista vai máis alá dunha simple reurbanización, xa que inclúe a mellora e ampliación da calzada e das beirarrúas, así como a renovación completa dos servizos urbanos, como o saneamento, o abastecemento de auga, a rede eléctrica e a telefonía. Tamén se instalará novo alumeado, mobiliario urbano e dúas marquesiñas de autobús.
O proxecto contempla ademais a integración paisaxística coa contorna do parque do Sagrado Corazón, mediante a plantación de nova arborado e a adecuación de itinerarios peonís, co obxectivo de harmonizar este espazo co desenvolvemento urbano da zona.
Arias concluíu sinalando que esta actuación busca adaptarse ao papel estratéxico que terá este ámbito na nova configuración da cidade, en conexión coa futura estación intermodal e co desenvolvemento urbanístico previsto na zona do Sagrado Corazón.