A XXV edición do Arde Lvcvs encherá Lugo dun gran programa de actividades de recreación histórica

A cidade de Lugo xa está preparada para vivir a XXV edición do Arde Lvcvs. Do 18 ao 21 de xuño, a capital lucense converterase de novo na antiga Lucus Augusti para conmemorar o 25 aniversario dunha festa consolidada como un dos principais eventos de recreación histórica da Península Ibérica e recoñecida como Festa de Interese Turístico Internacional. O programa desta edición inclúe máis de 300 actividades dirixidas a públicos de todas as idades.
A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, presentou este xoves a programación acompañada polos concelleiros Javier Vázquez e Damián Carballo, así como por representantes das 19 asociacións que participan activamente na organización da celebración. A rexedora agradeceu a implicación destes colectivos, aos que definiu como unha peza fundamental para o éxito do Arde Lucus.
Durante catro días, milleiros de persoas chegadas de distintos puntos de Galicia, do resto do Estado e doutros países encherán as rúas do centro histórico caracterizadas como romanas e castrexas para recrear a vida, os costumes e os episodios históricos vinculados á fundación da cidade.
Entre as novidades desta edición destaca o reforzo da programación musical. O encargado de poñer o broche final ás celebracións será o músico e investigador galego Abraham Cupeiro, que ofrecerá un concerto especial o 21 de xuño na Praza de Santa María, no que dará a coñecer instrumentos históricos recuperados e sons inspirados en antigas civilizacións.
A programación musical completarase coa actuación de Celtica Pipes Rock!, unha formación europea que fusiona gaitas con rock e metal sinfónico nun espectáculo acompañado de efectos visuais e pirotecnia. Tamén participará Grimorium, compañía especializada en ambientacións medievais e fantásticas que combina música en directo, interpretación e animación escénica.
Outra das grandes apostas deste ano será a ampliación do Circo Romano, unha das actividades con maior seguimento dentro da festa. Co obxectivo de responder á elevada demanda de público e participantes, organizaranse tres representacións diferenciadas: unha sesión de tarde e outra nocturna o sábado, ademais dunha función específica para o público infantil o domingo.
O programa volverá incluír algúns dos actos máis emblemáticos do Arde Lucus, como a chegada das lexións romanas e o acendido do lume sagrado de Vesta, a Asemblea Galaica, a declaración de guerra, a recepción de tropas e tribos visitantes, o gran desfile arredor da Muralla, os bautismos e vodas celtas, as sesións do Senado, o asalto ao Monte Medulio, as loitas de gladiadores e o apagado do lume sagrado, que clausurará a celebración na noite do domingo.
A actividade nas rúas tamén se verá reforzada coa presenza de agrupacións musicais, de percusión, teatro e espectáculos itinerantes a cargo de compañías como Tambukada, Tympana Galaica, Vulcano, Malatitsch, Kaltie ou Trip Malabar.
Entre os cambios previstos para esta edición figura a nova localización dos postos de venda, que se trasladarán á rúa da Raíña, así como a modificación do desfile escolar, que pasará a celebrarse na mañá do domingo.
No acto de presentación, Elena Candia tamén respondeu ás críticas formuladas pola oposición sobre a organización do evento e asegurou contar coa documentación que acredita a seguridade da celebración. A alcaldesa pediu unha actitude construtiva e defendeu que o Arde Lucus debe quedar fóra da confrontación política por tratarse dunha festa que pertence a toda a cidade.
Candia destacou ademais a colaboración do persoal municipal para completar a programación e avanzou que nos próximos días se celebrarán as correspondentes mesas locais de seguridade para garantir o correcto desenvolvemento dos actos.
A rexedora anunciou igualmente un incremento do orzamento destinado á celebración, que nesta edición rondará o medio millón de euros, contando cun financiamento que definiu como ordenado e plenamente garantido.
Como outra das novidades máis relevantes, a alcaldesa avanzou a creación dun museo permanente dedicado ao Arde Lucus nas instalacións do Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL). O proxecto pretende conservar e divulgar o patrimonio material e inmaterial xerado ao redor da festa ao longo destes 25 anos, mediante exposicións permanentes e contidos que contarán tamén coa colaboración das asociacións participantes.
Segundo explicou Candia, esta iniciativa permitirá dar continuidade durante todo o ano ao legado do Arde Lucus e reforzar o seu papel como un dos principais símbolos culturais e turísticos da cidade.