A XXXVII edición da Feira do Queixo do Cebreiro congregou gran afluencia de público

LugoXa
Un dos momentos máis emotivos foi a lectura do pregón, a cargo do alumnado do CPI Uxío Novoneyra
Feira-do-Queixo-Pedrafita-do-Cebreiro-2025
19 Apr 2025

A XXXVII edición da Feira do Queixo do Cebreiro congregou gran afluencia de público que quixo achegarse a ver os distintos queixos expostos.

A programación desta edición contou cun pasarrúas da Louband, seguido dunha actuación de baile tradicional a cargo da Asociación Cultural Abrente das Nogais.

Un dos momentos máis emotivos foi a lectura do pregón, a cargo do alumnado do CPI Uxío Novoneyra, unha participación que xa se converteu nunha tradición e que achega frescura, identidade e orgullo local ao evento.

Pilar García Porto, que tamén estivo, destacou a colaboración da Deputación, que achegou 15.000 euros ao Concello de Pedrafita do Cebreiro na organización deste evento, recoñecido como Festa de Interese Turístico de Galicia; e subliñou que esta cita “é un escaparate dun produto único que representa o mellor do rural: a calidade, o coidado polo detalle e o compromiso coa terra”.

García Porto puxo en valor o traballo realizado polos produtores locais, a veciñanza e o Concello de Pedrafita, que fan desta feira un evento de referencia tanto para a dinamización económica como para o fortalecemento do territorio. Apuntou que este tipo de iniciativas “xeran dinamismo económico, social e turístico e contribúen a fixar poboación na montaña. Estamos nun lugar privilexiado, nun espazo de montaña cunha paisaxe fermosa e xente traballadora. Tamén somos un punto clave no Camiño de Santiago, polo que milleiros de peregrinos pasan cada ano. Moitos deles levan consigo este sabor, esta experiencia e este recordo tan noso”, comentou.

A Feira do Queixo do Cebreiro naceu no ano 1988 co obxectivo de poñer en valor un dos produtos máis singulares da gastronomía galega: o queixo do Cebreiro, elaborado artesanalmente con leite de vaca. En 2008 obtivo a Denominación de Orixe Protexida (D.O.P.), e en 2014 foi recoñecida como Festa de Interese Turístico de Galicia. Dende entón, a feira consolidouse como un evento de referencia no calendario festivo e cultural de Galicia, combinando a venda directa de queixos e produtos locais con actividades culturais, musicais e festivas, nun ambiente de celebración e promoción do rural.

⚙ Configurar cookies
0.46703600883484