Aberta ao tráfico a rúa Pintor Fierros tras a súa remodelación
Esta fin de semana quedou aberta ao tráfico a rúa Pintor Fierros, tras a remodelación acometida nas últimas semanas e cuxo investimento ascendeu a 103.000 euros. A concelleira de Obras, Mónica Freire, explicou que se procedeu á renovación do pavimento e da sinalización así como á colocación de papeleiras e árbores. Os últimos arranxos remataranse durante o presente mes de decembro.
A edil ribadense confirmou que “a rúa Pintor Fierros xa se atopa aberta ao tráfico desde esta pasada fin de semana. Fixemos unha obra importante para a veciñanza de Ribadeo nunha zona moi céntrica e con moito tránsito”.
Mónica Freire explicou que “fixemos unha renovación completa do pavimento ademais de colocar nova sinalización e papeleiras, un novo pintado do vieiro e a plantación de árbores. A falta duns pequenos arranxos a obra xa quedará rematada ao longo deste mes de decembro”.
A concelleira de Obras en Ribadeo salientou que “desde o Concello de Ribadeo entendemos a importancia que ten a zona, tanto de Pintor Fierros como as rúas colindantes, polo alto tránsito de persoas e de vehículos que as empregan, porque alí están ubicadas varias das instalacións deportivas municipais. Entendemos que é necesario a actuación de mellora tanto nesta rúa, que acabamos de arranxar, como nesta zona. Cara a isto está o noso compromiso e o noso traballo no futuro”.