Abertas as inscricións para a IV Liga Sénior 3x3 da Fundación Breogán

Lugo prepárase para acoller unha nova edición da Liga Sénior 3x3 organizada pola Fundación Breogán, que este ano celebra a súa cuarta convocatoria.
Baixo o lema 'Baloncesto en estado puro', o evento promete combinar deporte, compañeirismo e diversión, consolidándose como unha cita imprescindible para os amantes do basket.
A competición desenvolverase os días 30 de maio, 6 e 13 de xuño no Pazo dos Deportes, coa gran final programada para o 20 de xuño. A categoría está dirixida a persoas maiores de 30 anos e será de carácter mixto, promovendo a participación inclusiva e diversa.
As inscricións xa están abertas e permanecerán dispoñibles ata o vindeiro 1 de maio, ou ata cubrir as 8 prazas dispoñibles. O custo de participación é de 25 euros por equipo, cun desconto especial para aquelas persoas que sexan socias benefactoras da Fundación.
A organización ten preparado un amplo abanico de actividades complementarias: concursos de triplas, competición de TwoBall, o ''Súper Tiro do Xamón', con premios cortesía de Torre de Núñez, e un terceiro tempo para fomentar a convivencia entre participantes. Ademais, os equipos contarán con equipacións personalizadas e a competición será arbitrada por colexiados oficiais da FEGABA.
Con iniciativas como esta, a Fundación Breogán continúa a súa labor de promoción do deporte base e sénior, fortalecendo os lazos da comunidade arredor do baloncesto.