Aberto o prazo de inscrición para a última semana do IX Campas “Xadrez e moito máis”

LugoXa
A iniciativa de Xaquedrum e a Escola Luguesa de Xadrez bate récord de participación e ofrece actividades para nenos e mozos de entre 4 e 17 anos
campamento-xadrez-Lugo
7 Aug 2026

A Asociación Cultural Xaquedrum e a Escola Luguesa de Xadrez abriron o prazo de inscrición para a última semana do IX Campas “Xadrez e moito máis”, unha proposta educativa e de lecer dirixida a nenos e mozos de entre 4 e 17 anos que este verán acadou unha cifra récord de participación.

O campamento, que é compatible co Bono Concilia da Xunta de Galicia, combina a aprendizaxe do xadrez con actividades deportivas, creativas e de tempo libre, co obxectivo de fomentar a concentración, a creatividade, a convivencia e o desenvolvemento intelectual dos participantes. Todas as actividades desenvólvense dentro do centro educativo e están adaptadas ás diferentes idades.

A organización destaca que esta última semana tamén supón unha oportunidade para que os participantes recuperen progresivamente as rutinas antes do inicio do novo curso escolar. Entre as propostas programadas inclúese a elaboración de xogos e pezas de xadrez con materiais reciclados, ademais de talleres, concursos, torneos e actividades lúdicas.

O campamento estrutúrase en tres grupos. O programa Xadrez Divertido, destinado a nenos de entre 4 e 7 anos, inclúe clases de xadrez, manualidades, contacontos, xogos, teatro, actividades de tempo libre e a creación de pezas de xadrez con material reciclado.

Pola súa banda, Xadrez Máxico, para participantes de entre 8 e 12 anos, ofrece clases, concursos, torneos, xogos, actividades deportivas e talleres manuais.

Finalmente, o Campus de Xadrez, dirixido a mozos e mozas de entre 13 e 17 anos, combina a formación enxadrecística con torneos, actividades deportivas e propostas de tempo libre.

O prezo xeral é de 70 euros por semana. O alumnado do CEIP Illa Verde e da Escola Luguesa de Xadrez pode acceder á actividade por 65 euros na primeira semana. Ademais, aplícase un desconto do 10 % ao segundo irmán e existen bonificacións adicionais para quen participe en varias semanas.

A actividade conta coa colaboración da Deputación de Lugo, o Concello de Lugo, a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, o diario El Progreso, o CEIP Illa Verde e Deporte Galego-Xunta de Galicia.

0.12161087989807