Aberto o prazo para optar a sete vivendas de alugueiro accesible en Lugo con rendas desde 350 euros ao mes

LugoXa
As solicitudes poderán presentarse ata o 15 de setembro e a adxudicación realizarase mediante sorteo ante notario
vivendas-centro-histórico-de-Lugo
1 Aug 2026

Casa 47 abriu a convocatoria para acceder a sete vivendas en réxime de alugueiro accesible situadas na cidade de Lugo, unha iniciativa que forma parte dun programa máis amplo que pon a disposición da cidadanía 99 inmobles en Galicia.

As vivendas dispoñibles presentan superficies que oscilan entre os 30 e os 162 metros cadrados e contan con alugueiros mensuais que van desde os 350 ata os 705 euros. Segundo a entidade, a renda media sitúase nos 6,24 euros por metro cadrado.

As persoas interesadas poderán presentar a súa solicitude ata o vindeiro 15 de setembro a través da páxina web de Casa 47, onde tamén se pode consultar información detallada sobre cada inmoble. A plataforma inclúe fotografías, localización, prezo mensual do alugueiro e os límites de ingresos establecidos para acceder a cada unha das vivendas, ademais do formulario de inscrición en liña.

Os contratos de alugueiro poderán prolongarse ata un máximo de 75 anos. Inicialmente establécese unha duración de 14 anos, con prórrogas automáticas de sete anos sempre que se manteñan as condicións que deron acceso á vivenda.

Entre os requisitos fixados para participar na convocatoria figura non ser propietario doutra vivenda e acreditar uns ingresos conxuntos da unidade de convivencia situados entre dúas e sete veces e media o Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples (IPREM). Ademais, as rendas establécense en función dos límites marcados pola comunidade autónoma e non poderán superar o 30 % da renda media do municipio.

A adxudicación realizarase mediante sorteo ante notario. O procedemento consistirá na selección aleatoria dun número de solicitude a partir do cal se ordenarán o resto das peticións presentadas. Posteriormente, cada unidade de convivencia recibirá a primeira vivenda dispoñible entre as opcións seleccionadas na súa solicitude.

Unha vez comprobado o cumprimento dos requisitos, a adxudicación terá carácter provisional e os futuros inquilinos poderán visitar a vivenda antes da formalización do contrato e da entrega das chaves.

As sete vivendas ofertadas en Lugo forman parte dun programa estatal promovido por Casa 47, entidade pública de vivenda, que inclúe un total de 645 inmobles recuperados da Sareb e destinados ao alugueiro accesible en distintas comunidades autónomas.

0.13376402854919