Aberto o prazo para participar no certame de teatro de Lourenzá que premiará con 750 euros á mellor representación
A Concellería de Cultura de Lourenzá convoca a terceira edición do certame de teatro afeccionado Concello de Lourenzá.
O concelleiro de Cultura, Manuel Arango Ron, explica que “neste certame poderán participar todos os grupos ou compañías de teatro afeccionado que superen un proceso de selección. O prazo para inscribirse rematará o 30 de setembro. Todas as obras seleccionadas recibirán unha axuda de 300 euros en concepto de participación, desprazamento, etcétera”.
Manuel Arango engade que “nas bases, que están publicadas na páxina web do Concello, establécese un premio de 750 euros á mellor representación. Así mesmo haberá trofeos para os mellores actor e actriz, actor e actriz de reparto, posta en escena e un premio concedido polo público asistente ás representacións. As obras representaranse durante o mes de novembro e no mes de decembro haberá unha gala especial de entrega de premios”.
A obra premiada como mellor representación na edición pasada, na que participaron 17 grupos, foi 'Deus, unha comedia', da compañía Fauna 113, de Vigo.