Abraham Pérez presenta a súa última obra ‘Gaivotas manchadas de petróleo’
Por Jessica Fernández
Nado en Lugo en 1990, Abraham Pérez estudou Filosofía na Universidade de Santiago de Compostela, sendo a súa inquietude tan fonda que cursou tamén o mestrado da mesma disciplina, sendo neste momento investigador e profesor no ensino secundario.
Vencellada a estes intereses e inquietudes existenciais de entender a realidade, xorde a súa paixón pola lectura e pola escritura, polo que en 2020 publica a súa primeira obra en galego Fragmento/Creba (Editorial Galaxia, 2020) como parte dun “proxecto literario con varias partes que se reflicte en distintas obras”. O primeiro poemario que publicou acolle “toda esta concepción poética centrada na época actual, xa que unha das cuestións que máis me preocupan é comprender os tempos nos que vivimos”, explica Pérez. Así, con esa pulsión filosófica e científica, xorde a parte literaria. “As obras literarias tratan aspectos da realidade que non acaban de encaixar ou non se tematizan totalmente pola súa forma desde a filosofía e a ciencia”.
A partir dese punto, empezou a xurdir na mente do escritor outro poemario que se materializou como unha teoría para os espectros (Toxosoutos, 2021: gañador do 2º premio do III Certame de Poesía Torre de Caldaloba). “Nese poemario indaguei nas mesmas cuestións ontolóxicas, pero de forma diferente, profundando na construción do eu lírico”. O terceiro, publicado en 2022 baixo o nome de o corpo transparente das horas (Editorial Galaxia, 2022), seguiu a liña de pensamento aberta nas obras anteriores, “sendo textos independentes, pero que teñen unha relación entre si moi íntima”, explica Abraham Pérez.
O seguinte texto, Sacho de seda (Menino Morreu, 2023), foi de estilo “máis pop”, xa que é “un texto que trataba de conxugar o interese de masas, relacionado co Club Deportivo Lugo”. Así, é un texto sociolóxico que conta a vivencia da afección lucense dentro dun deporte corrompido polo capitalismo. “Ademais, trata aspectos como a identidade colectiva e individual, a clase social, coa cidade de Lugo de fondo. E coas mesmas coordenadas de pensamento dos poemarios”.
Pola súa parte, O paso en falso (Editorial Galaxia, 2023: Finalista do XXXIV Premio Torrente Ballester de narrativa en lingua galega) é unha novela “que ten diferentes capas e que se pode ler de moitas maneiras. A aparente facilidade de lectura que posúe pode levar a pensar que é literatura xuvenil, mais as chaves son outras completamente diferentes, como nese toque posmoderno e paródico que bebe de referencias doutros autores como Otero Pedrayo ou, claro, James Joyce”, explica o autor.
Finalmente, a obra que se vai presentar no Vello Cárcere, Gaivotas manchadas de petróleo (Menino Morreu, 2024), que “é como unha especie de diario, un texto de acompañamento que forma parte de anotacións e preocupacións que un vai tendo ao longo de moitos meses, sobre todo durante os anos 2020 e 2021. Digo de acompañamento porque foise creando mentres xurdían outros proxectos que se foron escribindo”. Con todo, destaca que son textos “que se xuntaron nun texto máis grande, por iso ás veces ten esta vertente de diario e outras teñen máis de ensaio”. Ademais, ten aspectos poéticos, ensaísticos e narrativos, cun pouco de humor e parodia e incluso ficción. “Quixen xuntar textos que escribín con ficción e a desordenar esa colocación cronolóxica. Empecei a eliminar esa parte ancorada e a xogar con esta idea, e xurdiu un texto que se desborda en si mesmo”. Ademais, inclúese un manifesto con pezas poéticas que aparecen nos poemarios unha teoría para os espectros e o corpo transparente das horas, utilizados para unha intervención artística na Fundación Eugenio Granell en colaboración coa galería de arte NÉBOA. “Este texto serve para xogar cos manifestos de comezos do século XX, das liñas da vangarda e comprender a época, a clase social, as referencias culturais… Unha das chaves para poder entenderse é facer unha interpretación dos produtos culturais da época. Tratar de verter para fóra e ler o que hai para comprender e que o resultado diso emane como un elemento do material literario”, sostén.
En definitiva, toda a obra de Abraham Pérez é un proxecto aberto. “Hai cousas por vir. Utilizar liñas ensaísticas, poéticas e narrativas tivo sentido para ler obras independentes, pero un vai construíndo un proxecto literario no que todas as pezas van encaixando. O que intento é construír un continuo, pasando por puntos que me interesan; un xogo en espiral e como todo iso se vai materializando como elementos de pensamento e elementos literarios. Un xogo constante entre a forma e o contido”, argumenta.
Con todo, espera unha boa acollida por parte da sociedade lucense que se achegue o domingo 24 ao Vello Cárcere, onde estará acompañado do editor do libro Ângelo Pineda, e tamén do escritor lucense Xerardo Quintiá. “Haberá xente que xa coñece a miña obra e que sabe que cada obra non se esgota nunha lectura, que hai que lelo varias veces porque vaste dando conta de novos elementos. Esa é unha das miñas teimas como escritor. É interesante que cada persoa condiciona a obra coas súas interpretacións. E Gaivotas manchadas de petróleo é un texto peculiar que reborda no seu formato, xa que ten incluso referencias ao cine, á literatura e á música”, conclúe o escritor.