Abre a convocatoria das Residencias Paraíso para artistas de danza e artes vivas en Lugo

LugoXa
O programa permitirá desenvolver proxectos creativos entre abril e outubro nas instalacións do Vello Cárcere
residencias-Paraiso-Lugo
25 Feb 2026

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, anunciou unha nova convocatoria das Residencias Paraíso, que se celebrarán entre abril e outubro de 2026 nas instalacións do Vello Cárcere de Lugo. “Un proxecto co que o Concello de Lugo leva colaborando nos últimos anos e que permite tanto dar unha grande promoción á nosa cidade entre as e os artistas de toda a península como achegar a Lugo agrupacións de gran calidade para que desenvolvan aquí os seus proxectos”, explicou Ferreiro.

O programa de residencias artísticas está dirixido a artistas de Galiza, España e Portugal, con maior ou menor traxectoria, que necesiten un espazo intensivo para traballar nun proxecto de investigación ou creación durante dúas ou tres semanas. As Residencias Paraíso buscan fomentar novos proxectos arredor de linguaxes contemporáneas, reforzando a comunidade artística e consolidando o concepto de residencia artística, que a concelleira cualificou de “fundamental para o presente e o futuro da cultura galega”.

As persoas interesadas poderán presentar a súa proposta até o 8 de marzo. Un comité de expertas avaliará a integridade artística do proxecto, a relación coa contorna e as prácticas de programación que acompañen a residencia. Os proxectos seleccionados serán anunciados a mediados de marzo.

0.12215995788574