Abre no Castro de Viladonga unha mostra sobre siderurxia que culmina un proxecto de arqueoloxía

LugoXa | TerraChaXa
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explicou que a Xunta promoveu un estudo acerca da metalurxia e o traballo do ferro no xacemento
exposicion castro de viladonga siderurxia
13 Mar 2026

O Museo do Castro de Viladonga acolle unha exposición sobre siderurxia que culmina un proxecto de arqueoloxía experimental levado a cabo nos últimos anos neste centro, dependente da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude. A mostra foi presentada hoxe na Delegación Territorial da Xunta en Lugo nun acto no que participaron o delegado territorial, Javier Arias; a directora do Museo, Elena Varela; o comisario da exposición, Diego Torres, e o alcalde de Castro de Rei, Francisco Balado, entre outros.

A mostra A siderurxia no Castro de Viladonga. Unha achega dende a antigüidade está composta por diferentes paneis informativos, unha escolma de elementos metálicos atopados no castro e na súa contorna, e o forno utilizado no experimento, réplica dun forno de tipo galo-romano construída con pedra local e pallabarro.

Permanecerá instalada ata o mes de outubro, e axudará aos visitantes a aproximarse ao inicio da metalurxia, afondando en aspectos como a obtención de minerais, a elaboración do ferro e outros subprodutos froito do proceso, e a fabricación de utensilios con estes materiais. A información tamén será accesible nos vindeiros días a través dun vídeo documental online titulado Da pedra ao ferro, que estará dispoñible na páxina web do Museo e nas redes sociais.

Javier Arias explicou que a Xunta promoveu en Viladonga un amplo estudo sobre as materias primas que podían atoparse na contorna, as técnicas, e as ferramentas coas que traballaban os minerais. Contou coa colaboración da cooperativa Árbore Arqueoloxía e a parte práctica foi executada polos ferreiros Friedrich Bramsteildl e Jon Sánchez.

Conxugou investigación e experimentación; en concreto, lograron reducir o mineral de ferro reproducindo os antigos procedementos, para o que se empregou goethita da zona de Valdeorras, carbón vexetal e ósos a modo de escourificante.

0.12739992141724