Abre o prazo do XXX Certame de Contos e Relatos Curtos Trapero Pardo

LugoXa
Este certame busca fomentar a creatividade literaria entre a mocidade e manter viva a tradición cultural da cidade de Lugo
libros
20 Out 2024

A concelleira de Cultura, Maite Ferreiro, anunciou a apertura do prazo para participar no XXX Certame de Contos e Relatos Curtos Trapero Pardo, dirixido a mozos e mozas de 12 a 18 anos dos centros educativos de Lugo. "Este certame é xa unha cita consolidada no calendario cultural da cidade, onde cada ano comprobamos a gran capacidade creativa da nosa mocidade", destacou Ferreiro. Cada participante poderá presentar ata tres relatos, cunha extensión máxima de 3000 palabras. O concurso está dividido en dúas categorías de idade: de 12 a 14 anos e de 15 a 18 anos, con tres premios por categoría.

As persoas gañadoras recibirán diplomas, lotes de libros e premios en metálico, que van dende os 70 até os 250 euros, segundo a categoría. Ademais, o xurado poderá outorgar mencións honoríficas a outros relatos que considere merecedores de recoñecemento. Os relatos poderán enviarse ata o 23 de decembro, tanto de forma telemática ao correo da Concellería de Educación (educacion@lugo.gal), como presencialmente nas oficinas do centro de convivencia Uxío Novoneyra.

Na categoría de 12 a 14 anos os premios serán un diploma ademais dun premio en metálico dende os 200 euros para o primeiro ata os 70 para o que quede en terceiro lugar. Na categoría de 15 a 18 anos, os premios tamén comprenden un lote de libros e 250 euros para o gañador, 130 para o que quede en segundo lugar 100 para o que resulte terceiro. Este certame busca fomentar a creatividade literaria entre a mocidade e manter viva a tradición cultural da cidade de Lugo.

0.11497616767883