Abre o prazo para participar no obradoiro de emprego O Castro XI con catro prazas dispoñibles

Xa está aberto o proceso de selección para participar no obradoiro de emprego O Castro XI, unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia a través da Consellería de Promoción do Emprego, Comercio e Emigración. Este programa desenvólvese de maneira conxunta nos concellos de Ribeira de Piquín, Castroverde, Pol, Pastoriza e Riotorto.
A cada concello participante correspóndelle a selección de catro alumnos que formarán parte deste obradoiro, orientado á formación e inserción laboral no ámbito da conservación e mellora de montes.
As persoas interesadas deberán cumprir unha serie de requisitos, entre eles estar desempregadas tanto no momento da selección como no da contratación, así como estar empadroadas no municipio. Ademais, esíxese ter entre 18 e 64 anos e contar cun nivel profesional de ata oficial de segunda inclusive.
O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 6 de maio e deberá formalizarse na oficina de emprego de Mondoñedo. As persoas candidatas deberán anotarse no módulo de actividades auxiliares en conservación e mellora de montes (AGAR0309), vinculado a ocupacións como xardineiro, peón xardineiro, peón forestal ou traballador forestal de nivel 1.
Dende o Concello destacan a importancia deste tipo de programas para mellorar a empregabilidade da veciñanza e favorecer a formación práctica en sectores con demanda no territorio.