Abre o prazo para solicitar as 233 prazas das residencias xuvenís da Xunta

GaliciaXa | LugoXa | OurenseXa
A convocatoria, que publica o Diario Oficial de Galicia, está destinada a persoas de entre 16 e 30 anos, estudantes ou traballadoras, que cumpran os requisitos
Residencia Xuvenil Lug
20 May 2026

A Xunta de Galicia abriu hoxe o prazo de solicitudes para optar a unha das 233 prazas que oferta nas súas tres residencias xuvenís localizadas en Lugo, Ourense e Vigo e que están destinadas tanto a estudantes como a persoas traballadoras que non superen os 30 anos de idade.

Así, tal e como recollen as bases publicadas no Diario Oficial de Galicia a convocatoria diríxese a mozos e mozas que posúan a nacionalidade española, procedan dun país membro da Unión Europea ou sexan estranxeiros residentes en España e se correspondan con algún dos tres perfís que se diferencian.

Deste xeito, os estudantes teñen a posibilidade de acceder a 200 prazas. Deben cumprir como requisitos estar matriculados en Bacharelato, Formación Profesional, estudos universitarios de Grao ou equivalente, doutorados ou másteres universitarios oficiais, así como ter cumpridos os 16 anos e que no seu concello de residencia non exista oferta pública para cursar os estudos ou non acadaran a nota de corte ou puntuación mínima esixida.

Por outra banda, resérvanse 15 prazas para o estudantado colaborador que deberá desenvolver un proxecto de actividades na residencia centrado en áreas de información xuvenil, dinamización, ocio, novas tecnoloxías, deporte e fomento da convivencia. Neste caso deberá ter cumpridos os 18 anos, ter sido residente nalgún destes centros e ter unha renda familiar inferior ao 150% do IPREM do ano en curso.

Ademais, a mocidade traballadora a partir dos 16 anos, tanto por conta allea como propia, conta nesta oferta con 18 prazas. Neste caso, para poder optar a elas o seu lugar de traballo debe radicar nun concello distinto ao da súa residencia habitual. A isto engádeselle que, en caso de contratos temporais, estes deben ter unha duración mínima de 3 meses contados desde a finalización do prazo de solicitudes.

As estadías en cada centro terán unha duración máxima de 11 meses, contando o Centro Residencial Xuvenil LUG, en Lugo, con capacidade para 81 persoas, mentres que a residencia Florentino López Cuevillas, en Ourense, acollerá a 60 solicitantes e a residencia Altamar de Vigo a 92.

Cómpre destacar que se reservan dúas prazas específicas en cada residencia para mulleres vítimas de violencia de xénero, fillos destas ou mozos e mozas con expediente de protección aberto.

A presentación de solicitudes levarase a cabo exclusivamente a través da sede electrónica da Xunta de Galicia utilizando os formularios normalizados, cun prazo dun mes a partir do día seguinte da súa publicación. Unha vez rematado este período, o baremo competitivo considerará de forma preferente a renda da unidade familiar ponderada sobre o IPREM de 2026.

0.1186420917511