Abre o prazo para solicitar as axudas de 1.500 euros para a contratación de alumnado do Arquiva Lugo
Abre o prazo das axudas de 1.500 euros para a contratación do alumnado do obradoiro Arquiva Lugo, que se está a impartir de forma presencial nas dependencias municipais do CEI Nodus. Con esta iniciativa, o Goberno Local busca impulsar a inserción laboral dos e das lucenses que neste momento se están a formar en deseño gráfico, desenvolvemento web e dixitalización. “Estas axudas teñen por finalidade facilitar a empregabilidade e ocupabilidade das persoas participantes no obradoiro, xa que a contratación temporal terá unha duración mínima de 3 meses a tempo completo e deberá comezar nos quince días seguintes á finalización do mesmo”, explicou a rexedora.
Alvarellos apuntou que “esta medida enmárcase dentro da nosa firme aposta pola creación de oportunidades laborais no municipio e a xeración de novos postos de traballo para reter o talento en Lugo e contribuír a fixar poboación, o que supón unha das prioridades deste Executivo”. O obradoiro, que chegará ao seu remate –logo de 12 meses– a finais de novembro, está organizado pola área de Dinamización Económica e, durante o seu desenvolvemento as e os participantes están a recibir o salario mínimo interprofesional.
No obradoiro matriculáronse 20 alumnos, de entre 25 e 61 anos. Conta con tres especialidades formativas: Operacións de gravación e tratamento de datos e documentos; Confección e publicación de páxinas web; e Deseño de produtos gráficos. Durante o proceso formativo, que está cofinanciado pola Xunta de Galicia, se están a recuperar libros de Actas Consistoriais do século XVIII e da segunda metade do XIX, que son os documentos máis representativos da xestión e administración dos concellos modernos e contemporáneos. Expedidos polos órganos de goberno locais, recollen as decisións e actuacións dos cargos municipais da época, sendo unha fonte imprescindible para a reconstrución dos diversos aspectos da vida da cidade de Lugo.
Pola súa banda, o edil de Dinamización Económica, Mauricio Repetto, sinalou que “poderán ser entidades beneficiarias dos incentivos á contratación as persoas empregadoras e as empresas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, incluídas as persoas autónomas, as sociedades civís e as comunidades de bens, aínda que carezan de personalidade xurídica, cuxa actvidade estea directamente relacionada coa formación impartida no Obradoiro”.
Os contratos temporais incentivaranse cunha subvención fixa de 1.500 euros por cada traballador/a, correspondente ao contrato mínimo de 3 meses a xornada completa, debendo comezar as contratacións con carácter xeral nos quince días seguintes á finalización do obradoiro o vindeiro 23 de novembro de 2024. Repetto Morban informou tamén de que o prazo de solicitudes permanecerá aberto até o 9 de novembro. Toda a información atópase na páxina web https://concellodelugo.gal/gl/obradorio-de-emprego-arquivalugo onde tamén se encontra o formulario de solicitude que deben presentar.