Abre o prazo para solicitar instrumentos musicais en préstamo para o curso 2026-2027 na Escola de Música de Lugo

O Concello de Lugo abre o prazo para solicitar instrumentos musicais en préstamo a través do Banco de Instrumentos da Escola Municipal de Música para o curso 2026-2027. Este servizo está destinado ao alumnado do centro e ten como obxectivo facilitar o acceso á formación musical, especialmente ás familias con maiores necesidades económicas.
O banco dispón de instrumentos de distintas especialidades, entre eles bombardinos, clarinetes en Si bemol e Mi bemol, fagot, gaita práctica en Do, saxofóns altos, trombóns, trompas, trompetas, tuba e packs de percusión.
Para acceder ao préstamo, será necesario ser alumno ou alumna de pleno dereito da Escola Municipal de Música, estar empadroado no Concello de Lugo, non ter máis de cinco faltas na materia na que se estea matriculado e contar cunha praza na especialidade directamente relacionada co instrumento solicitado. Ademais, as persoas solicitantes non poderán ter débedas co Concello.
As solicitudes deberán presentarse mediante o modelo oficial no Rexistro Xeral do Concello de Lugo ou a través dos medios previstos na normativa administrativa. Será necesario achegar a documentación recollida nas bases, incluída unha fotocopia compulsada do DNI e un certificado de empadroamento no que figuren todas as persoas que conviven no domicilio.
A adxudicación dos instrumentos realizarase en función da situación económica familiar, mediante un baremo que concede maior puntuación ás unidades familiares con menores ingresos. En caso de empate, terá prioridade a familia cunha renda per cápita máis baixa.
Cada alumno ou alumna poderá solicitar un único instrumento. O préstamo terá unha duración máxima dun curso académico, de outubro a xuño, polo que será necesario presentar unha nova solicitude en cada convocatoria.
O prazo para participar neste proceso estará aberto do 23 de novembro ao 4 de decembro de 2026, ambos os dous incluídos.