Abre o prazo para solicitar os hortos urbanos do Rato

LugoXa
O Boletín Oficial da Provincia de Lugo (BOP) publicou este xoves, 28 de setembro, as bases reguladoras da convocatoria pública feita pola Deputación para adxudicar os 15 hortos urbanos que a institución ten dispoñibles no Paseo do Rato.
cursos hortos rato
28 Sep 2023

O Boletín Oficial da Provincia de Lugo (BOP) publicou este xoves, 28 de setembro, as bases reguladoras da convocatoria pública feita pola Deputación para adxudicar os 15 hortos urbanos que a institución ten dispoñibles no Paseo do Rato. A partir de mañá, venres, e durante 10 días hábiles, é dicir, ata o día 16 de outubro (incluído) poderán formularse as solicitudes, tanto a través do Rexistro ou na sede electrónica da Deputación, como por calquera outro medio dos establecidos no artigo 16.4 da Lei de Procedemento Administrativo Común.

Os requisitos son os mesmos que en fases anteriores. Poderán concorrer todas as persoas físicas ou asociacións de Lugo e de concellos limítrofes interesados, que non convivan con beneficiarios doutros hortos ou que non posúan terreos con potencialidade de ser cultivados.

No caso de que as solicitudes presentadas superen o número de parcelas dispoñibles, farase unha valoración en base a criterios sociais, dando prioridade ás persoas en situación de desemprego, cunha renda per cápita menor, familias numerosas ou persoas xubiladas. Polo que respecta aos colectivos, terán prioridade aqueles sen ánimo de lucro ou representantes de centros educativos.

As persoas ou entidades que resulten beneficiadas poderán facer uso dos hortos de maneira gratuíta por un período de dous anos, con posibilidade de prórroga. Durante ese tempo, contarán cun servizo de mantemento e de asesoría que a Deputación lles pon a disposición de balde.

No que respecta aos solicitantes que queden fóra do proceso de adxudicación, pasarán a formar parte dunha listaxe de agarda, para ir cubrindo posibles renuncias ou baixas.

0.15969109535217