Abren as inscricións para a nova escape room gratuíta na Casa da Xuventude

A concellería de Xuventude abriu o prazo de inscrición para participar na nova escape room organizada desde esta área municipal, unha proposta de lecer gratuíto dirixida á mocidade lucense que porá á disposición dos participantes preto de 170 prazas. A actividade, titulada En busca da campá máxica, desenvolverase os días 27, 28, 29 e 30, en horario de mañá entre as 10.30 e as 13.30 horas e de tarde desde as 16.30 ata as 20.30 horas.
En cada unha das xornadas programadas celebraranse sete sesións dunha hora de duración, cun máximo de seis participantes por grupo, o que permitirá unha experiencia dinámica e participativa. Trátase dunha das iniciativas con maior demanda das que impulsa a área de Xuventude do Concello de Lugo, motivo polo que se decidiu manter o número de prazas da edición anterior, cando xa foi necesario ampliar a oferta ante a elevada resposta da mocidade.
Desde o Goberno local destácase que esta actividade responde ao obxectivo de ofrecer alternativas de ocio lúdico e saudable durante as vacacións, apostando por unha proposta que nas súas anteriores edicións esgotou todas as prazas dispoñibles. A escape room desenvolverase nas distintas salas e dependencias que ocupan unha planta completa da Casa da Xuventude, un espazo amplo que permitirá acoller as 25 probas que conforman este xogo colectivo.
Ao longo das distintas fases, os participantes deberán resolver enigmas e superar desafíos moi variados, que inclúen o uso do sistema arduino, probas con sensores táctiles e metálicos, procura de obxectos ocultos, retos manuais, descifrado de códigos e claves, combinacións numéricas, xeroglíficos e palabras encriptadas. Nesta edición, ademais, incorpóranse novos elementos escenográficos como unha barca con trampilla, un faro, unha máquina de fume e a participación dun novo personaxe, o Grinch, que se suma á historia do xogo.