Abren as inscricións para as actividades de verán do programa Lugo +XTi 2026

LugoXa
A programación inclúe obradoiros creativos, apoio escolar e iniciativas de sensibilización para mozos e mozas con actividades gratuítas durante os meses de verán
lugo-casa-da-xuventude
29 Jun 2026

A Concellería de Xuventude do Concello de Lugo abriu o prazo de inscrición para unha nova programación de actividades gratuítas incluídas dentro do programa Lugo +XTi 2026, unha iniciativa orientada a ofrecer á mocidade alternativas de ocio saudable, formación e aprendizaxe durante os meses de verán.

A proposta incorpora dous obradoiros de carácter creativo e artístico destinados a mozos e mozas con idades comprendidas entre os 16 e os 35 anos. Un deles estará centrado na arte urbana, o muralismo e a escultura, e desenvolverase durante os luns e martes do mes de xullo —os días 6, 7, 13, 14, 20, 21, 27 e 28— en horario de 18.00 a 20.00 horas no Centro Uxío Novoneyra.

O segundo taller estará dedicado ao vídeo e á fotografía dixital e celebrarase os mércores e xoves de xullo —os días 1, 2, 8, 9, 15, 16, 22 e 23— tamén entre as 18.00 e as 20.00 horas e no mesmo espazo.

A programación completarase cun servizo de apoio escolar combinado con actividades de ocio, dirixido a rapaces e rapazas de entre 10 e 14 anos. Esta iniciativa desenvolverase entre o 8 de xullo e o 14 de agosto no Centro de Convivencia Lamas de Prado, onde se alternarán sesións de reforzo educativo con actividades de tempo libre acompañadas por monitores e monitoras.

Entre as propostas inclúense tamén as xornadas Condu-cero, unha actividade de sensibilización destinada a concienciar sobre os riscos asociados á combinación do consumo de drogas e a condución. A iniciativa está dirixida a persoas de entre 14 e 35 anos e desenvolverase os días 16 e 17 de xullo, de 16.30 a 21.30 horas, na Praza Maior.

Durante estas xornadas realizaranse diferentes actividades participativas, entre elas circuítos, simuladores con gafas especiais, xogos de habilidade, música, bebidas sen alcohol e reparto de agasallos entre os asistentes.

Todas as actividades serán gratuítas e as inscricións permanecerán abertas ata o día anterior ao comezo de cada proposta ou ata completar as prazas dispoñibles. A información e o proceso de inscrición poden consultarse en Lugo +XTi ou a través do teléfono 982 297 498.

0.13455700874329