Academia JM Rivas facilita o ensaio do exame da PAU aos alumnos do intensivo

Co final de curso cada vez máis próximo, o alumnado de segundo de Bacharelato afronta a recta decisiva coa vista posta na PAU, unha proba determinante que condicionará o acceso aos estudos universitarios. Neste contexto, a Academia JM Rivas impulsa un curso intensivo específico para a preparación da PAU 2026, no que aposta por un enfoque práctico e competencial baixo a premisa de “ensaiar o exame antes de facelo”.
O programa desenvolverase entre o 18 de maio e o 1 de xuño, coincidindo coa fase previa ás probas oficiais, que este ano terán lugar entre o 2 e o 4 de xuño. O obxectivo é claro: mellorar o rendemento do alumnado e axudalo a elevar a súa nota media, un factor clave para acceder ás titulacións desexadas.
A principal novidade desta edición radica na adaptación ao modelo de exame impulsado pola Consellería de Educación, que mantén a estrutura e as materias pero introduce un cambio significativo na forma de avaliar. Así, cobrarán máis importancia a capacidade de explicación, o razoamento e a corrección na expresión escrita, incluíndo unha maior penalización das faltas de ortografía.
O curso de Academia Jm Rivas presenta por tanto este ano un enfoque máis competencial, no que se prioriza a aplicación práctica dos coñecementos fronte á memorización. Así, os exames incorporan máis exercicios contextualizados, interpretación de textos e gráficos, así como resolución de problemas que esixen análise e pensamento crítico.
Neste sentido, o curso de JM Rivas céntrase en preparar ao alumnado para este novo escenario mediante simulacros diarios de exame elaborados seguindo o mesmo formato que atoparán nas probas oficiais. Este adestramento continuo permite medir a evolución do estudante e reforzar os aspectos que precisan mellora, ao tempo que favorece a adquisición de confianza e seguridade.
Outro dos aspectos clave é a redución da optatividade nos exames. Aínda que se mantén certa capacidade de elección entre preguntas, esta é menor que en anos anteriores, polo que o alumnado deberá preparar o temario de maneira máis equilibrada. Ademais, as probas terán unha duración de 90 minutos e esixirán permanecer polo menos media hora na aula antes de poder saír.
FORMACIÓN PERSONALIZADA
A formación é completamente personalizada, adaptándose ao ritmo e ás necesidades de cada alumno, que pode escoller as materias nas que require maior reforzo, tanto nas troncais como nas específicas. Durante as sesións, que se desenvolven de luns a sábado, trabállanse contidos clave como a elaboración de esquemas, a resolución de exercicios tipo exame, a gramática e os comentarios de texto, así como a preparación das probas de inglés, incluíndo fonética e redacción. Ademais, o alumnado conta con apoio tamén os domingos e acceso permanente a unha aula virtual con material dispoñible as 24 horas.
Segundo explica o director do centro, José Manuel Rivas Bande, “o fundamental é manter ao alumno centrado no estudo e evitar deixar o repaso para o último momento, garantindo así que chegue ao exame co esencial ben preparado”.
A academia tamén incorpora un incentivo adicional para o alumnado matriculado: a mellor cualificación na PAU será premiada cunha tableta Lenovo, mentres que outra será sorteada entre os alumnos.
Desde JM Rivas insisten en que, aínda que non existen cambios radicais no sistema nin nas materias, si se incrementa a esixencia na forma de responder, valorándose especialmente a capacidade de razoar, explicar con claridade e escribir correctamente. Por iso, consideran fundamental practicar en condicións reais e adquirir unha preparación sólida e equilibrada para afrontar con éxito unha das probas máis decisivas da etapa académica.
EXPERIENCIA
JM Rivas é unha academia de gran tradición e experiencia en Lugo. Comezaron no ano 1986 pero desde 2005 ocupan as instalacións actuais na rúa Doutor Fleming. Empezaron dando apoio aos estudantes de ESO e Bacharelato pero pouco a pouco foron ampliando o seu campo de acción e agora traballan tamén co alumnado universitario e preparan as oposicións, entre outros servizos.
As principais liñas de traballo son as clases en grupos reducidos, para garantir a aprendizaxe, ou individual si a materia así o require.
As persoas interesadas poden obter máis información chamando ao 982 81 56 22 ou a través da páxina web www.jmrivas.es.