Achegan o coñecemento científico a Lugo nunha nova edición da G-Night

LugoXa
A Noite Galega das Persoas investigadoras desenvólvese o 27 de setembro cunha feira científica e actividades diversas
Mercado-de-Abastos-Lugo
24 sep 2024

A Universidade de Santiago súmase un ano máis á Noite Galega das Persoas investigadoras (G-Night) que terá lugar o vindeiro 27 de setembro cunha serie de actividades de difusión do coñecemento científico en Lugo co obxectivo de difundilo dunha maneira amena e coa posibilidade de participación da sociedade. O campus de Lugo, coa participación dos programas Xuvenciencia e Agromar, ofrecerá un amplo programa no Mercado Municipal e na Praza de Abastos.

No Mercado haberá entre as 18.00 e as 22.00 horas obradoiros de robótica a intelixencia artificial, Ciencia á Feira, areeiro de realidade aumentada, hardware de baixo custo e código aberto para control medioambiental, xestión da mobilidade urbana, impresión 3D, exposición de especies vexetais e proteínas. Na Praza de Abastos, tamén entre as 18.00 e as 22.00 horas, haberá obradoiros sobre xogo e aprendizaxe, veterinaria, terremotos, química, bacterias, elaboración de pan, fotosíntese artificial, comunicación con fibra óptica, a estrutura das células, medición de árbores, carrachas, a estrutura do ADN e parasitos vistos ao microscopio.

A Noite Europea dos Investigadores é un proxecto de divulgación científica promovido pola Comisión Europea dentro das accións Marie Skłodowska-Curie do programa Horizonte Europa, que ten lugar simultaneamente en case 400 cidades europeas dende 2005. Ademais da Universidade de Santiago, participan na G-Night as universidades de Vigo -que coordina este ano o evento- e A Coruña e os seus centros asociados, así como os centros do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) en Galicia, os Museos Científicos Coruñeses e o Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía a través da súa sede na Coruña.

0.19094109535217