Activan en Pedrafita o dispositivo de inverno nas estradas estatais con 42 vehículos e máis de 9.000 toneladas de sal

A subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López, presentou en Pedrafita do Cebreiro o Protocolo de coordinación de actuacións ante nevadas e condicións meteorolóxicas adversas na rede de estradas do Estado para a campaña 2026-2027. No acto, celebrado no Centro de Control de Túneles da Autovía do Noroeste, destacou que a Administración estatal ten preparados os recursos necesarios para garantir a seguridade viaria durante o inverno.
O documento establece os procedementos de coordinación entre Tráfico, Estradas, Protección Civil e Garda Civil, así como cos concellos e outras administracións, para asegurar a mobilidade nas vías estatais da provincia. O operativo contempla tres fases de actuación: alerta, preemerxencia e emerxencia. Segundo explicou López, o obxectivo é garantir unha resposta rápida ante incidencias por neve ou xeo, evitar o illamento de núcleos de poboación e manter os servizos esenciais.
A rede estatal de estradas en Lugo suma 993,09 quilómetros, dos que 153,23 están considerados potencialmente conflitivos polas súas condicións orográficas e climatolóxicas.
42 vehículos e máis de 9.000 toneladas de sal
O dispositivo provincial conta con 42 vehículos: 26 camións con saleiro automático e folla quitaneves e outros 16 con esparexedor automático de salmoira e folla. Ademais, dispón de 9.250 toneladas de sal almacenadas e 2.502.000 litros de salmoira.
Os medios distribúense en cinco sectores de conservación, cunha atención especial ao de Pedrafita do Cebreiro. Este sector, considerado o máis sensible ante as baixas temperaturas, conta con sete camións con saleiro e folla quitaneves, cinco con esparexedor de salmoira, dúas pas cargadoras e tres todoterreos. Tamén dispón de 4.000 toneladas de sal e 752.000 litros de salmoira.
Pola súa banda, o sector de Lugo conta con dez vehículos con saleiro, unha pa cargadora e dous todoterreos, ademais dunha capacidade de almacenamento de 2.000 toneladas de sal e 700.000 litros de salmoira. En Vilalba operan nove camións, dúas pas cargadoras e un todoterreo, con 1.300 toneladas de sal e 650.000 litros de salmoira.
O dispositivo complétase co sector de Monforte de Lemos, que dispón de dous camións, unha pa cargadora e 900 toneladas de sal. A presentación contou coa participación de representantes da Xefatura Provincial de Tráfico, a Garda Civil, Protección Civil e o alcalde de Pedrafita do Cebreiro, José Luis Raposo.