Actividades culturais en Navia de Suarna esta fin de semana
A Asociación Veciñal Irmandade Naviega celebra en Navia de Suarna esta fin de semana dúas actividades culturais para gozar dun par de xornadas de ocio e de lecer.
Así pois, durante hoxe e mañá realizarase unha actividade feita polos artistas asentados na vila, Pavel Yakushev e Alisa Smirnova, na que se creará unha escultura colectiva para a vila de Navia, na que poderán participar os veciños, veciñas e visitantes que así o desexen.
Será unha obra máis, esta vez de maior tamaño, que se sumará á colección de esculturas que estes artistas teñen espalladas por diferentes rúas e recunchos da Proba. Aproveitando a ocasión, a A. V. Irmandade Naviega presentará un díptico que inclúe un mapa no que aparecen situadas todas as obras destes artistas para que as e os visitantes poidan realizar o paseo artístico guiados por un plano.
En canto ao domingo, coincidindo coa Feira dos Chuchos e continuando co Vrau das Letras Naviegas, o cantautor Alfredo González Vilela presentarán o disco Navia, no que nove das cancións están compostas a partir de poemas do naviego Toño Núñez -que tamén acompañará a González Vilela-.
Dúas grandes figuras das que se poderá disfrutar en Navia de Suarna e que contarán con Vadim Yukhnevich coma artista invitado, un cantante que percorreu 3.500 kilómetros tocando nas beirarrúas de diferentes sitios de Europa ata chegar a Lugo.
Así pois, todas estas actividades están organizadas e promovidas pola Asociación Veciñal Irmandade Naviega en colaboración co Concello de Navia de Suarna.