Actividades formativas nos hortos do paseo do Río Rato
A Deputación de Lugo continúa coas actividades formativas nos hortos urbanos do Paseo do Río Rato. Estes cursos, que se celebran os xoves pola tarde dende o pasado mes de abril, teñen como obxecto asegurar o bo mantemento destes espazos ao tempo que se ofrece aos titulares das parcelas unha actividade de lecer que fomenta o interese pola agricultura ecolóxica e o coidado do medio ambiente.
Trátase de charlas de formación e demostracións, dirixidas aos usuarios e usuarias destes terreos, que se realizarán todos os xoves de maio a partir das 17.30 horas. As persoas e entidades interesadas poderán obter información na caseta do Paseo do Rato.
Este xoves arrancou a formación do mes de maio onde os asistentes se formaron no control preventivo ecolóxico de pragas e a demostración de uso dalgúns destes métodos. Na vindeira semana, o día 13 de maio, haberá unha demostración de semillados e transplantes; o día 20 farase un control de herbas invasoras das hortas e unha demostración de prácticas preventivas e o 27 de maio haberá unha formación de hortas ecolóxicas.
No mes de abril, comezaron co curso A Terra de Labranza e Cultivos, onde se fixo unha demostración do uso das ferramentas, continuou coa formación en fertilización orgánica e o coñecemento de que plantar nesta época.