Adai celebra a Feira da Raza Rubia Galega e o VI Torneo Feira de Adai de billar o 13 e 14 de xuño

LugoXa
A parroquia do Corgo acollerá os días 13 e 14 de xuño actividades gandeiras, espectáculos ecuestres, música e unha competición que reunirá ata 48 xogadores
POXA-DE-GANDO-VACUN-ADAI-CORGO
5 Jun 2026

A parroquia de Adai, no concello do Corgo, converterase os días 13 e 14 de xuño nun dos principais puntos de encontro do sector gandeiro e do lecer da comarca coa celebración do XXXIX Concurso CV Poxa Nacional da Raza Rubia Galega e do VI Torneo Feira de Adai de billar.

A cita gandeira, organizada por ACRUGA xunto co Concello do Corgo, a Deputación de Lugo, a Xunta de Galicia e o Goberno de España, reunirá reses procedentes de distintas explotacións e contará cunha importante afluencia de público. O evento volverá situar a Adai como referente na promoción da raza Rubia Galega, unha das principais razas autóctonas de Galicia.

Coincidindo con esta celebración, o Club Billar Adai organizará a sexta edición do Torneo Feira de Adai, unha competición que se desenvolverá no marco das tradicionais feiras da parroquia. O torneo celebrarase coincidindo coa Feira da Raza Rubia Galega o día 13 de xuño e coa Feira do Cabalo o día 14, nunha fin de semana que combinará deporte, actividade gandeira, música, gastronomía e espectáculos ecuestres.

A competición disputarase na modalidade de bola-9, con partidas ao mellor de seis xogos gañados, ampliándose a sete nas eliminatorias directas. A organización limitará a participación a un máximo de 48 xogadores, aínda que, no caso de non alcanzarse os 32 inscritos, o torneo desenvolverase integramente durante a xornada do sábado.

Ademais, o club celebrará o seu tradicional Break&Run de final de tempada, no que se realizarán sorteos sucesivos ata repartir a totalidade do bote acumulado, que nesta edición supera os 1.000 euros.

A inscrición terá un custo de 30 euros para os participantes, aos que se engadirán 5 euros adicionais no caso das persoas non socias. Para a categoría júnior establécese unha cota reducida de 15 euros máis o suplemento correspondente. A organización entregará premios económicos aos oito primeiros clasificados e trofeos para os catro mellores xogadores do torneo.

O prazo para formalizar as inscricións permanecerá aberto ata o mércores 10 de xuño ás 12:00 horas. O sorteo dos emparellamentos realizarase esa mesma tarde, unha vez pechado o proceso de rexistro.

0.11877989768982