Adai pecha con éxito os Campionatos de España Femininos de Pool 2026 cun destacado dominio galego

LugoXa
O medalleiro final deixa a Galicia á cabeza con 3 ouros, 1 prata e 4 bronces, seguida de Cataluña con 1 ouro, 1 prata e 3 bronces, e Asturias con 2 pratas e 1 bronce
trofeos-billar-adai-feminino
26 May 2026

A parroquia rural de Adai acolleu durante a semana do 18 ao 24 de maio unha das citas deportivas máis destacadas a nivel estatal coa celebración dos Campionatos de España Femininos de Pool 2026. O evento, organizado polo Club de Billar Adai baixo os auspicios da Real Federación Española de Billar e coa colaboración da Xunta de Galicia, a Deputación de Lugo e o Concello do Corgo, desenvolveuse cun notable éxito tanto de participación como de resultados deportivos, especialmente para a selección galega.

Un total de 27 xogadoras participaron nesta edición, batendo o récord de asistencia nun Campionato de España feminino. Durante cinco días de competición disputáronse catro modalidades distintas: 14.1, bola-8, bola-9 e bola-10, nun intenso calendario de probas no que o club corgués converteu as súas mesas no epicentro do billar feminino nacional.

Na primeira competición, o I Campionato de España Feminino de Pool 14.1, proclamouse campioa María Teresa Ropero (Federación Galega), seguida de Mirella Feito (Federación Asturiana) como subcampioa, mentres que as semifinais foron para Silvia López (Federación Catalana) e Verónica González (Federación Galega).

No XXII Campionato de España Feminino de Pool Bola-10, o ouro foi para Silvia López (Federación Catalana), a prata para María Teresa Ropero (Federación Galega) e os bronces para Ivette Penella (Federación Catalana) e Antía Mera (Federación Galega).

Na modalidade de bola-8, o título volveu quedar en Galicia da man de María Teresa Ropero, coa prata para Silvia López, mentres que Mirella Feito e Verónica González acadaron as semifinais. Pola súa banda, na proba de bola-9, Ropero repetiu ouro, Feito foi subcampioa e Verónica González (Federación Catalana) e a propia González da federación galega completaron as semifinais.

Estes resultados pechan os Campionatos de España Femininos de Pool 2026 cun balance especialmente positivo para a Federación Galega de Billar, que acadou 8 das 16 medallas en xogo, seguida pola Federación Catalá con 5 e a Asturiana con 3.

Ademais, a mallorquina afincada en Compostela Maite Ropero asegurou, grazas ao seu rendemento nas catro modalidades, a última praza dispoñible para representar a España xunto ao resto da selección nacional nos Campionatos Europeos de Pool 2027.

Tamén destacou a actuación da ourensá Verónica González, que asinou tres semifinais, así como o excelente resultado da xogadora júnior do Club de Billar Adai Antía Mera, que con só 13 anos conseguiu o seu primeiro bronce nacional.

O medalleiro final deixa a Galicia á cabeza con 3 ouros, 1 prata e 4 bronces, seguida de Cataluña con 1 ouro, 1 prata e 3 bronces, e Asturias con 2 pratas e 1 bronce, consolidando así o dominio galego nesta edición do campionato nacional feminino de pool.

0.13355398178101