Adai reúne as mellores xogadoras do Estado no Campionato de España Feminino de Billar Pool 2026

GaliciaXa | LugoXa | OurenseXa
A competición celebrarase do 20 ao 24 de maio no Corgo coa participación de 27 deportistas e cunha praza para o Europeo de 2027 en xogo
Adai-Campionato-de-España-Feminino-de-Billar-Pool-2026
19 May 2026

O Club Billar Adai converterá esta semana a localidade de Adai nun dos grandes centros do billar estatal coa celebración do Campionato de España Feminino de Billar Pool 2026, unha cita que reunirá do 20 ao 24 de maio a 27 xogadoras chegadas de distintos puntos do Estado, a maior participación rexistrada ata o momento nun campionato estatal, segundo destacou a organización.

Entre as participantes figuran nomes destacados do panorama estatal e internacional, como María Teresa Ropero, xogadora profesional afincada en Compostela que acadou a pasada semana o subcampionato de Europa, ou a catalana Silvia López Fibla, actual campioa do circuíto estatal. Tamén destaca a presenza da ourensá Verónica González, tricampioa galega. Ademais do título estatal, en Adai estará en xogo unha praza para disputar o Campionato Europeo Feminino de Pool 2027.

O campionato poderá seguirse de maneira presencial e tamén en liña a través da plataforma Cuescore e da canle oficial de YouTube do Club Billar Adai.

A Real Federación Española de Billar elixiu esta localización entre diferentes candidaturas de clubs de todo o país, destacando a calidade das instalacións e o labor realizado pola organización nos últimos anos para impulsar o billar feminino, factores que foron decisivos para que Adai sexa a sede da competición máis importante da tempada nesta disciplina.

Como principal novidade desta edición, os campionatos incorporarán por primeira vez a modalidade de 14.1, co obxectivo de seguir consolidando este deporte tamén a nivel europeo. Esta disciplina sumarase ás xa habituais probas de bola-8, bola-9 e bola-10.

Os actos arrancarán o mércores 20 de maio ás 16.00 horas co encontro de xogadoras. O Campionato 14-1 comezará ese mesmo día ás 16.30 horas e rematará o xoves 21 ás 15.00 horas. O Campionato Bola-10 iniciarase o xoves 21 ás 9.00 horas e a final disputarase o venres 22 ás 16.30 horas.

Pola súa banda, o Campionato Bola-8 arrancará o venres 22 ás 9.00 horas e concluirá o sábado 23 ás 21.00 horas, mentres que o Campionato Bola-9 comezará o sábado 23 ás 9.00 horas e finalizará o domingo 24 ás 19.30 horas. A entrega de premios das modalidades 14-1, Bola-10 e Bola-8 celebrarase o sábado 23 ás 22.00 horas, e a correspondente á Bola-9 terá lugar o domingo 24 ás 20.30 horas.

O vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, participou na presentación oficial do torneo, na que tamén estiveron presentes representantes da Xunta de Galicia e do Concello do Corgo.

Durante o acto, Castro puxo en valor “o labor de promoción do billar feminino que vén facendo o club, que converteu Adai nun lugar de referencia non só a nivel galego senón tamén estatal, como demostra a súa selección para organizar este campionato”. Ademais, subliñou a importancia de “contarmos na provincia cun tecido deportivo sólido que ofreza alternativas de ocio e competición diversas”.

0.12561702728271