Adam Didan, campión internacional da WKA, lidera a expedición do Free Dojo de Lugo na GFC de Marín

O Club Deportivo Free Dojo de Lugo afronta este sábado unha das citas máis esixentes da tempada coa participación de catro dos seus deportistas na V Fight Night Rías Baixas (GFC 5), unha velada federada de artes marciais mixtas (MMA) que reunirá 18 combates con representantes de clubs de toda Galicia. A competición celebrarase o 21 de novembro, a partir das 17:00 horas, no pavillón do Colexio San Narciso de Marín (Pontevedra).
O protagonismo da expedición lucense recaerá en Mohammed Ilia, que disputará o combate estelar da noite na categoría de 77 quilos fronte a José Vicente (3-1), un loitador independente con experiencia na jaula da GFC. Ilia debutará nesta promotora directamente no combate principal, despois de competir en outubro polo título no Campionato Internacional da WKA celebrado en Madrid, onde conseguiu a medalla de prata tras unha decisión dos xuíces moi cuestionada polo público.
Outro dos nomes destacados será Adam Didan (1-0), que chega á cita nun gran momento deportivo. No mesmo campionato da WKA proclamouse campión internacional de kickboxing e, no seu debut en MMA, conseguiu a vitoria por TKO en apenas 30 segundos. En Marín enfrontarase a Paulo Tiago (0-0), do club El Barrio.
A expedición complétase con dous mozos do club. Yago González (0-0) competirá na categoría de 73 quilos contra Babacar Thior, do Kamikaze Thai, que presenta un balance de dúas vitorias. Pola súa banda, Aarón Soto participará na categoría Youth A, no peso de 62 quilos, fronte a Marcos Cuervo, do Clube de Loita do Morrazo.
O presidente do Club Deportivo Free Dojo, Fredi Mosteirin, destacou a importancia da participación do equipo nesta velada: "Levar a catro deportistas a unha velada como esta, e a un deles ao combate estelar, é o reflexo do traballo diario que se fai no club. Vamos a Marín a competir e a representar a Lugo con orgullo".
A V Fight Night Rías Baixas, organizada pola GFC e federada coa Federación Galega de Loita, contará con 18 enfrontamentos. Na súa cartelera principal tamén destacan os combates entre Martín Santoro, do Clement Santiago (8-2), e Medhi Zouine, de A Forxa Fight Club (5-1), nos 66 quilos; Iago Álvarez, do Clube de Loita do Morrazo (3-2), e Andrés Felipe, do Kamikaze Thai de Ferrol, nos 70 quilos; e Yassine Fouzzi, do Clube de Loita do Morrazo (2-0), e Paulo Mallo, do BGC (0-1), nos 72 quilos.