ADEGA celebra o seu 50 aniversario con moitas actividades culturais o 7 de xuño

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (ADEGA) celebra os seus 50 anos de loita e compromiso coa defensa da terra e do medio ambiente galego.
Para conmemorar esta data, a entidade organiza un gran festival o sábado, 7 de xuño, no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo, baixo o nome de 'ADEGA, 50 anos coidando a terra'.
Froilán Pallín, secretario xeral de ADEGA, xunto cos deputados Daniel García e Iria Castro, das áreas de Medio Rural e Cultura respectivamente, así como Maite Ferreiro Tallón, en representación da Área de Cultura do Concello de Lugo, presentaron o festival e fixeron un chamamento a participar desta festa do ecoloxismo galego que se desenvolverá durante todo o día no Pazo de Feiras e Congresos e no parque do río Miño.
Pensado para todos os públicos, esta xornada combinará unha ampla feira de produtos agro, ecolóxicos, de artesanía e de colectivos, xunto con mesas redondas, xogos tradicionais, proxección documental, encontro solar e concertos ata a madrugada, entre eles, de Loita Amada, Filophóbicas ou Catro nun zoco.
ADEGA quere así compartir este aniversario con toda a cidadanía e celebrar a histórica loita colectiva por unha Galiza máis xusta e sustentable.
AS ACTIVIDADES
Ás 11:00 horas dará comezo a xornada coa apertura da feira de produtos do agro e artesanía no interior do Pazo de Feiras, onde tamén estarán presentes asociacións, librarías e antigüidades. Poderanse adquirir produtos de horta, mel e derivados, conservas, cosmética natural, cerámica, cestería, libros e moito máis.
Á mesma hora, comezará no Parque do río Miño o encontro solar, unha actividade para dar a coñecer as posibilidades de cociñar coa enerxía ilimitada do sol sen necesidade de electricidade ou outro combustible fósil. ADEGA convida a todas as persoas interesadas a traer as súas cociñas solares para facer o xantar e compartir receitas e saberes.
Ao mediodía terá lugar unha romaría popular no parque do Miño, á que cadaquén pode levar a súa propia comida, aínda que tamén haberá postos e servizo de comida no interior do Pazo.
As crianzas terán espazo propio durante todo o día, con actividades e xogos tradicionais da man de XOTRAMU no Parque do Miño e coa música de Uxía Lambona e a Banda Molona e do Proxecto Troupelear, da man de Branca Villares e Pablo Pintor.
Ademais, na sala Río Miño do Pazo de Feiras desenvolveranse dúas mesas redondas: 'ADEGA: 50 anos coidando a terra' ás 12:30 horas, coa participación de persoas que estiveron na fundación da asociación e foron protagonistas de moitas loitas ecoloxistas; e 'A loita continúa: as principais ameazas de hoxe' ás 16:30 horas, onde diferentes membros de ADEGA abordarán os retos actuais e a futuro das loitas ecoloxistas en Galicia.
O documental 'A terra por gañar' presentarase e proxectarase en primicia ás 11:30 horas na Sala Río Miño do Pazo de Feiras. Esta peza percorre a historia da organización desde a súa fundación en 1974 e analiza o impacto do ecoloxismo galego ao longo do tempo.
A música tamén será protagonista durante toda a xornada, con concertos desde a mañá ata a noite. O cartel inclúe a actuación de Branca Villares e Pablo Pintor co seu Proxecto Troupelear ás 12:00 horas no parque do río Miño, e de grupos como Axeigo, que amenizará a romaría desde as 13:30 horas, Uxía Lambona e a Banda Molona ás 17:00 horas, Caivanca ás 19:00 horas, Catro nun zoco ás 20:30 horas, Filophóbicas ás 22:00 joras e Loita Amada ás 23:30 horas, que poñerá o broche final á xornada. Todos estes grupos actuarán no Pazo de Feiras e Congresos, a excepción do Proxecto Troupelear e de Axeigo, que estarán no parque do río Miño.
Este festival conta coa colaboración das áreas de Medio Rural, do Mar e Mocidade, e de Cultura, Patrimonio Histórico Artístico e Normalización Lingüística da Deputación de Lugo, así como a área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo.