Adega denuncia o abandono da Torre de Torés e reclama a súa protección

LugoXa
Nos últimos días, os temporais provocaron o derrubamento parcial deste Ben de Interese Cultural nas Nogais
derrubamento-torre-tores-as-nogais
8 Feb 2026

A asociación ecoloxista Adega fai pública a súa fonda preocupación pola situación de abandono, deterioro avanzado e risco estrutural da Torre de Torés, nas Nogais, declarada Ben de Interese Cultural.

Nos últimos días, os temporais provocaron o derrubamento parcial da torre, feito amplamente recollido polos medios de comunicación e que confirma o que desde hai anos vén sendo advertido por colectivos sociais e veciñais: a existencia dun risco real, coñecido e reiteradamente advertido, fronte ao cal non se adoptaron medidas eficaces de protección nin de consolidación.

"A Torre de Tores forma parte do patrimonio cultural común e a súa perda parcial constitúe un dano irreparable á memoria colectiva asociada ao territorio e ao seu patrimonio cultural. A súa condición de BIC implica obrigas legais claras que, neste caso, non se traduciron nunha actuación administrativa efectiva, permitindo que o deterioro progresivo e os efectos de fenómenos meteorolóxicos extremos derivasen na perda material do ben", explican.

Cómpre lembrar que o artigo 32 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, establece o deber de conservación, mantemento e custodia dos bens integrantes do patrimonio cultural, o que obriga as persoas propietarias, posuidoras ou titulares de dereitos reais a garantir a súa integridade e a evitar a súa perda, destrución ou deterioro.

Engaden que no caso da Torre de Tores, esta obriga corresponde á propiedade do ben, a Casa de Medinaceli, así como ao Concello das Nogais, que exerce en exclusiva o dereito de uso do inmoble en virtude dunha cesión por un período de 25 anos.

Así mesmo, o artigo 33 da Lei 5/2016 atribúe á Administración autonómica competente en materia de patrimonio cultural a responsabilidade de promover as medidas e actuacións necesarias para garantir a protección do patrimonio cultural, sen prexuízo da colaboración con outras administracións, cando a conservación dos bens non estea garantida.

"No caso da Torre de Tores, resulta evidente que estas obrigas legais non se aplicaron con carácter preventivo nin eficaz, permitindo que unha situación de deterioro coñecida desembocase no derrubamento parcial do monumento", din.

Desde Adega esixen á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural a realización inmediata dunha inspección técnica oficial, con avaliación pública do estado estrutural da Torre de Tores. Ademais reclaman a adopción urxente de medidas efectivas de protección e consolidación, acordes coa gravidade da situación e co nivel de protección do ben; a implementación de medidas cautelares inmediatas que eviten novos derrubamentos e perdas patrimoniais; a clarificación e depuración de responsabilidades polo incumprimento do deber legal de conservación, e a publicación dun calendario de actuacións, prazos de execución e previsión orzamentaria, con garantía de transparencia e rendición de contas perante a cidadanía.

Así mesmo, Adega considera que a situación da Torre de Tores pon de manifesto as limitacións do actual sistema de protección dos Bens de Interese Cultural, "baseado maioritariamente nunha protección formal e declarativa".

⚙ Configurar cookies
0.085047006607056