ADEGA denuncia o recheo dunha zona húmida en Cellán de Mosteiro, en Castroverde

ADEGA denunciou ante o Concello de Castroverde, a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS) e o Servizo de Protección da Natureza da Garda Civil (SEPRONA) o suposto recheo con terras e estullos dunha zona húmida situada en Cellán de Mosteiro.
Segundo sostén a organización ecoloxista, os traballos estarían vinculados á explotación gandeira "Ganados San José", actualmente en proceso de ampliación. ADEGA asegura que as actuacións comezaron xa en 2024 sobre unha ampla depresión que permanecía encharcada e que figura no Catastro coa denominación de Fontes de Vilar.
A asociación afirma que o proceso continuou desde entón e que actualmente a parcela estaría practicamente nivelada tras a incorporación de terras e outros materiais.
Ante esta situación, ADEGA reclama á Confederación Hidrográfica e ao Concello de Castroverde a paralización inmediata dos recheos e solicita que se investigue se as actuacións se axustan á normativa. En concreto, pide á administración municipal que comprobe se os movementos de terra, explanacións e recheos contan coas correspondentes licenzas urbanísticas e autorizacións sectoriais.
Reclama a restauración dos terreos
A entidade ecoloxista solicita tamén a apertura dun expediente sancionador no caso de confirmarse as posibles irregularidades denunciadas. Ademais dunha eventual sanción económica, defende que se debería obrigar á restitución da zona húmida ao estado no que se atopaba antes de iniciarse os recheos.
ADEGA subliña a importancia ambiental deste tipo de espazos pola súa función na regulación do ciclo da auga, a recarga dos acuíferos, a retención das escorrentías e o mantemento dos caudais dos regatos durante as épocas de menor dispoñibilidade hídrica.
A organización sostén que a posible afección resulta especialmente relevante ao tratarse dunha zona vinculada a unha das nacentes que alimentan o sistema fluvial do Tórdea.
Por este motivo, reclama que as administracións competentes e o SEPRONA inspeccionen os terreos e determinen o alcance das actuacións. No caso de que as comprobacións constaten unha afección grave ao dominio público hidráulico ou ao medio natural, ADEGA considera que tamén debería analizarse a posible existencia de responsabilidades penais e trasladar os feitos á Fiscalía de Medio Ambiente se procede.
A asociación reclama finalmente unha intervención "inmediata" para esclarecer as circunstancias dos recheos, determinar posibles responsabilidades e, de confirmarse os feitos denunciados, garantir a recuperación completa da zona húmida de Cellán de Mosteiro.