ADEGA denuncia posibles danos ambientais e patrimoniais por rozas con maquinaria pesada en Cellán de Mosteiro

LugoXa
A asociación presentou denuncias ante a Confederación Hidrográfica Miño-Sil, o Concello de Castroverde e Patrimonio Cultural polos traballos na parcela do Xuncal, próxima á igrexa románica de San Pedro e a varios mananciais
traballos-nunha-parcela-Adega-Castroverde
3 Nov 2026

ADEGA presentou denuncias ante a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), o Concello de Castroverde e a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural polos traballos de roza con maquinaria pesada que se están realizando na parcela coñecida como O Xuncal, en Cellán de Mosteiro (Castroverde). A asociación advirte de que estas actuacións poderían estar afectando o dominio público hidráulico, varias fontes, terreos húmidos e vexetación de ribeira, ademais de comprometer a conservación da antiga igrexa de San Pedro de Cellán de Mosteiro.

Segundo a información recollida pola entidade, os traballos poderían estar relacionados coa ampliación da explotación gandeira de Ganados José 2012, S.L., situada na mesma parroquia e que conta cun proxecto para incrementar a súa capacidade ata as 1.616 prazas de cebo de vacún.

Un dos principais motivos de preocupación de ADEGA é a situación da parcela, atravesada por un afluente do Rego de Mosteiro, que desemboca no río Tórdea. Na contorna tamén se atopan varias fontes, entre elas as do Xuncal, a Fonte do Torrón e a Fonte do Ouro. A asociación alerta de que a utilización de maquinaria pesada e os posibles movementos de terras poden alterar a circulación natural da auga, afectar os afloramentos e as nacentes e provocar o arrastre de sedimentos cara ao regato.

ADEGA lembra que Castroverde forma parte da Reserva da Biosfera Terras do Miño, recoñecida pola UNESCO, cuxos obxectivos pasan por compatibilizar a conservación da biodiversidade e dos ecosistemas co desenvolvemento sostible das comunidades locais. Neste sentido, subliña a importancia de preservar os cursos fluviais, as fontes e as zonas húmidas, especialmente no actual contexto de crise climática, xa que estes ecosistemas contribúen á regulación e retención da auga, á recarga hídrica e á protección fronte ás chuvias intensas, ademais de favorecer a biodiversidade.

A segunda denuncia está relacionada coa posible afección ao patrimonio cultural. A finca do Xuncal atópase na contorna inmediata da antiga igrexa románica de San Pedro de Cellán de Mosteiro, incluída no catálogo de bens protexidos do PXOM de Castroverde cun nivel de protección integral. O templo está vinculado á antiga estrutura monástica e ao seu adro-cemiterio.

A entidade advirte de que as actuacións con maquinaria pesada e as posibles remocións de terras poderían afectar non só á contorna da igrexa, senón tamén a eventuais restos arqueolóxicos soterrados. ADEGA lembra que a protección dos bens catalogados abrangue tamén os seus contornos e reclama que Patrimonio Cultural comprobe se os traballos respectan o réxime de protección establecido.

No ámbito urbanístico, a asociación solicita ao Concello de Castroverde que aclare se as actuacións están amparadas pola licenza da explotación gandeira ou polo proxecto de ampliación ata as 1.616 prazas. No caso de que non exista autorización ou os traballos non se axusten á legalidade, reclama á Alcaldía que ordene a súa paralización inmediata e incoe o correspondente expediente de reposición da legalidade urbanística.

ADEGA pide finalmente unha actuación coordinada e urxente das tres administracións para evitar que os posibles danos sobre as fontes, o regato, os terreos húmidos, a vexetación de ribeira e o patrimonio cultural poidan chegar a ser irreversibles.

0.14734101295471