ADEGA e a Federación de Veciños Lucus Augusti organizan unha ruta reivindicativa polas beiras do río Rato

LugoXa
As entidades denuncian o deterioro progresivo do cinto verde e reclaman protexer este espazo natural periurbano
ruta-río-Rato-Adega-Lugo
6 Dec 2025

A delegación de ADEGA-Lugo e a Asociación Veciñal Lucus Augusti organizan o sábado 13 de decembro, ás 10:00 horas, unha ruta reivindicativa polas marxes do río Rato co propósito de divulgar os valores ambientais deste espazo natural e chamar a atención sobre as ameazas que supoñen varios proxectos urbanísticos previstos na súa contorna.

Baixo o lema “As beiras dos ríos, espazos verdes!”, a iniciativa procura salientar a relevancia ecolóxica, paisaxística e social do corredor fluvial do Rato ao seu paso pola cidade. Lugo mantivo historicamente o privilexio de asentarse entre as bacías do Miño e do Rato, que conforman un cinto verde periurbano convertido hoxe nun dos principais ámbitos de lecer para a cidadanía.

Porén, ese cinto verde enfróntase a unha presión urbanística crecente que xa provocou perdas significativas de terreo natural no pasado —como ocorreu coas urbanizacións do Carrefour, o recinto feiral ou a zona das Saamasas— e que podería intensificarse de materializarse os proxectos previstos nas beiras do Rato. As entidades organizadoras advirten de que estas actuacións transformarían o río nun canle artificializado de formigón e asfalto.

ADEGA e Lucus Augusti lembran que as beiras fluviais son, segundo a Lei de Augas, solo sometido a especial protección, polo que non poden ser obxecto de especulación urbanística. A ruta servirá tamén para sumar as reivindicacións da veciñanza de Paradai e doutras asociacións que veñen denunciando esta problemática.

⚙ Configurar cookies
0.079262971878052