ADEGA-Lugo esixe un debate público ante o proxecto de vivenda no Sagrado Corazón

A organización ecoloxista ADEGA-Lugo presentou alegacións ao Proxecto de Interese Autonómico (PIA) que pretende crear solo para a construción de vivenda no barrio do Sagrado Corazón. A entidade considera que os 15 días dispoñibles para analizar un proxecto desta magnitude resultan claramente insuficientes para avaliar o seu impacto territorial, social e ambiental sobre a cidade. Unha intervención urbanística de carácter estrutural, que condicionará o modelo urbano da cidade a longo prazo, debería contarse cun debate público real, informado e participativo.
ADEGA sinala que o proxecto aposta por continuar a expansión urbana sobre solo natural na periferia, cando Lugo xa dispón dun volume significativo de solo urbano desenvolvido e sen edificar, así como dunha importante cifra de vivendas baleiras. Segundo o censo de 2021 do Instituto Nacional de Estatística, o concello conta con 10.728 vivendas deshabitadas, o que supón o 17,12% do total. Antes de consumir novo solo, a entidade defende a posta en marcha de políticas efectivas para mobilizar vivenda baleira e impulsar a rehabilitación urbana.
A organización tamén alerta de que concentrar máis do 80% da vivenda protexida na mesma zona favorece a segregación social e económica, contradicindo os principios de cohesión social recollidos na lexislación urbanística galega. O modelo proposto perpetúa unha cidade dispersa, dependente do vehículo privado, máis custosa de manter e menos sostible desde o punto de vista ambiental.
ADEGA lembra que a Lei 1/2019 de rehabilitación, rexeneración e renovación urbanas de Galicia, xunto con directrices internacionais como a Axenda 2030 e a Nova Axenda Urbana das Nacións Unidas, priorizan a renovación, rexeneración e rehabilitación dos espazos urbanos existentes fronte á expansión sobre novos solos.
As alegacións tamén destacan deficiencias na memoria de impacto de xénero, especialmente na análise da mobilidade peonil nunha zona con topografía complexa, na integración co tecido urbano existente e na configuración dos espazos públicos. A entidade considera esencial garantir percorridos accesibles, evitar illamentos e promover unha mestura de usos que favoreza a vida urbana, a seguridade e a cohesión social.
ADEGA propón un modelo de cidade compacta, diversa e inclusiva, que medre cara dentro mediante a rehabilitación dos barrios existentes, a densificación equilibrada e a revitalización do centro, evitando consolidar un “donut” urbano que despoboaría o corazón da cidade mentres se expanden periferias residenciais, comerciais e industriais.
Por estas razóns, a organización solicita unha revisión profunda do proxecto e a apertura dun debate público rigoroso sobre o futuro urbanístico de Lugo, centrado no interese xeral, a sustentabilidade ambiental e a xustiza social.