ADEGA-Lugo impulsa unha campaña de micromecenado para frear a urbanización na cabeceira do río Rato

ADEGA-Lugo presentou a campaña de micromecenado "Río Rato sen cemento", unha iniciativa coa que pretende obter os fondos necesarios para facer fronte aos custos derivados do recurso contencioso-administrativo que presentará contra o Plan Parcial do sector S-5.I, un proxecto que contempla a urbanización de máis de 32 hectáreas situadas na cabeceira do río Rato para ampliar o polígono industrial do Ceao.
A campaña, que arrincou este 2 de xullo, desenvolverase en dúas fases. A primeira prolongarase durante un mes co obxectivo de conseguir os primeiros 6.000 euros, mentres que a segunda terá unha duración de dous meses para completar a recadación doutros 6.000 euros e alcanzar así os 12.000 euros previstos.
Desde ADEGA consideran que a actuación prevista representa unha das maiores ameazas ambientais das últimas décadas para Lugo. Segundo a entidade, a urbanización afectaría directamente ás nacentes do río Rato e podería comprometer o estado ambiental e o caudal de todo o seu percorrido. Ademais, advirten da posible destrución de regatos, zonas húmidas e pequenas lagoas que alimentan o río, así como de bosques de ribeira e carballeiras de gran valor ecolóxico que albergan especies protexidas e hábitats prioritarios recoñecidos pola normativa europea.
A organización ecoloxista tamén alerta das consecuencias derivadas da impermeabilización de máis de trinta hectáreas de solo natural, unha situación que, segundo sostén, incrementaría o risco de inundacións durante episodios de choiva intensa e reduciría a capacidade do territorio para facer fronte aos períodos de seca.
ADEGA defende igualmente que a execución deste proxecto limitaría de forma permanente a posibilidade de crear un gran cinto verde periurbano que conectase os ríos Miño e Rato, unha infraestrutura natural que permitiría dotar á cidade dun espazo máis saudable e adaptado aos desafíos derivados da crise climática. A entidade subliña ademais que Lugo dispón doutros terreos industriais dispoñibles, polo que considera innecesaria a ocupación deste espazo natural.
Durante a presentación da campaña no Vello Cárcere de Lugo, o presidente de ADEGA-Lugo, Xosé Manuel Rodríguez, afirmou que o debate vai máis alá dun conflito urbanístico e insistiu en que está en xogo o futuro ambiental da cidade e a conservación do seu patrimonio natural.
A asociación considera que a vía xudicial resulta fundamental para defender o interese xeral, aínda que insiste na necesidade de acompañala cunha ampla implicación social. Por este motivo, fixo un chamamento á cidadanía para participar na campaña mediante achegas económicas e colaboración na difusión da iniciativa.
No acto tamén participou o presidente do Comité Galego da AEMS-Ríos con Vida, Joaquín Gutiérrez, quen expresou o apoio da entidade á defensa das nacentes e das zonas húmidas asociadas ao río Rato e reiterou o compromiso de continuar colaborando na protección deste espazo natural.