ADEGA-Lugo organiza unha ruta en Casaio con guía de excepción e proxección documental

ADEGA-Lugo convida a participar nunha ruta didáctica e reivindicativa pola zona de Casaio, no Concello de Carballeda de Valdeorras o domingo 11 de maio.
Esta contará coa guía excepcional de Carlos Tejerizo, profesor e investigador do CSIC na Universidade de Salamanca e director do grupo de investigación Sputnik Labrego, que actualmente centra o seu traballo arqueolóxico e etnográfico nesta contorna.
A actividade consistirá nunha ruta de dificultade media cun percorrido aproximado de 11 quilómetros, na que se abordarán aspectos históricos, ambientais e culturais da zona, destacando o seu valor patrimonial e a importancia da súa protección.
A xornada culminará coa proxección do documental 'A cidade da Selva', que afonda na historia da guerrilla antifranquista na serra do Eixe, e cunha pequena charla-coloquio aberta ao público.
ADEGA-Lugo porá a disposición un servizo de autobuses desde Lugo, con saída ás 8:00 horas, para facilitar o desprazamento das persoas participantes.