Adolfo Somoza, presidente do Casás: “A Segunda é a categoría na que os nosos xogadores deben estar”
O club lucense consegue o ascenso no mesmo no que estrea equipo na categoría sénior baixo os mandos de Diego Barreiro e Álex Cortón a base de esforzo, compromiso e bos resultados
Por Lucía Blanco
Tan só unha tempada lle bastou ao CP Casás para proclamarse de Segunda no mesmo ano da súa creación. A marea amarela leva máis de 35 anos apostando polo fútbol base e agora o seu estreado equipo sénior, baixo os mandos de Diego Barreiro e Álex Cortón, logra a seu primeiro gran éxito a base de esforzo, compromiso e bos resultados, asegura Adolfo Somoza, presidente do club.
—Logran o ascenso cunha vitoria ante o Catro Roldas a tres xornadas do remate da liga regular. Que balance fan?
A verdade é que a tempada saíu redonda, os rapaces comprometéronse ao 100 %. Estamos totalmente satisfeitos, porque é moi difícil que no ano de creación dunha nova categoría se consiga un ascenso tan difí cil como é este no fútbol provincial.
—Era o obxectivo cando comezaron nesta categoría?
Se che digo a verdade case que si. A base do equipo era o Nausti, onde había moitos futbolistas que na tempada pasada xogaran a fase de ascenso e que tiñan algunha vinculación co Casás. O resto do equipo confeccionouse co paso dos xuvenís do noso club e algún que veu doutros equipos. O primeiro obxecticvo era ver como se adaptaban á categoría, sobre todo os máis novos. Porque a Terceira é unha categoría moi difícil, pero para estes xogadores tan novos a Segunda é o sitio onde en principio deberían estar.
—Resultou complicado traballar con ese cadro de xogadores que partían desde distintos clubs?
É un cadro de xogadores no que a media non supera os 22 anos e en seguida se adaptaron. Tamén hai que dicir que moitas veces no mundo do deporte o que prima para unha unión forte son os resultados. Estes comezaron a acompañar e ao final entre os resultados positivos e o traballo bestial que facían os rapaces xuntos cos dous técnicos foi máis fácil.
—A dupla formada por Diego Barreiro e Álex Cortón foi fundamental para ese salto de categoría.
Sen lugar a dúbidas. Ao traballo de Diego e de Álex hai que poñerlle un dez con matrícula de honra. Diego era o adestrador do Nausti a tempada pasada e Álex era o dos xuvenís de Casás e entre os dous fixeron un tándem extraordinario. Cada un coñecía parte do cadro de futbolistas e souberon traballar dunha maneira magnífica para os intereses do noso club.
—Destacaba ademais o gran compromiso por parte dos xogadores.
Adestraban dous días á semana de dez e media a doce da noite, non faltaba case ningún día ninguén. Case che podo asegurar que en ningún adestramento baixaron das 18-20 persoas. E é complicado, porque que hoxe en día a xente se comprometa non é doado. Temos que agradecer o compromiso dos técnicos e dos xogadores e esperamos que se continúe para a vindeira tempada.
—Nos encontros de Copa xa puideron verse as caras cos rivais da vindeira tempada.
A verdade é que xa xogar a primeira eliminatoria e eliminar a un equipo de categoría superior sempre dá moitísimos ánimos a todos. Volvemos disputar o seguinte encontro cun equipo de categoría superior como foi o conxunto da Comercial. Perdemos este partido pero, aínda que a intención sempre é ir pasando roldas, non pasa absolutamente nada, porque aquí o que esperabamos é xogar, divertirnos e pasalo ben.
—Pretenden repetir o mesmo cadro para o ano?
A nosa idea é contar coa maioría de xogadores. Os que se queiran quedar no club van a ter as portas abertas para seguir con nós a próxima tempada e tamén esperamos contar cos mesmos técnicos, aínda que de momento non falamos con eles pero farémolo en breves.
—Manteñen así unha tendencia que é habitual para o club con presencia en distintas disciplinas deportivas.
Temos que destacar que, por exemplo, no fútbol sala estamos en todas as ligas galegas desde alevín ata sénior e o Casás na maioría dos cadros sempre dá unha continuidade aos xogadores. Algunhas veces igual podiamos reforzarnos se algúns marchan, pero non é a política deste club. A política sempre é a continuidade. Os xogadores deste equipo de Terceira que ascende que se queiran quedar vanse poder quedar e despois buscaremos en función das prazas que teñamos sen cubrir algún reforzo ou mesmo trataremos de convencer a algún xuvenil que na pasada tempada non estivera con nós.