Adrián Noia presenta en Lugo a novela 'O silencio non arrola', Premio SELIC 2025

O escritor Adrián Noia presentará este sábado 14 de novembro en Lugo a súa novela 'O silencio non arrola', obra coa que recibiu o Premio SELIC 2025. O encontro terá lugar ás 20:00 horas na Despensa de Saa e contará coa participación de Ánxela Gracián e Ana Arias, que acompañarán o autor durante o acto.
A novela parte dunha historia familiar narrada a través da mirada de Sara e dunha liña de mulleres da súa familia para achegarse a unha realidade colectiva marcada pola violencia e a represión da posguerra. A obra afonda tamén nas consecuencias que estes episodios deixaron ao longo do tempo, tanto nas relacións familiares como na construción das identidades das xeracións posteriores.
A través deste relato, Noia aborda a memoria daquilo que non foi contado e que, malia o paso dos anos, continúa condicionando o presente. A literatura convértese así nun espazo de recuperación simbólica do pasado e de visibilización das experiencias que quedaron fóra do relato familiar e colectivo.