Adxudicada a primeira fase da rehabilitación da Avenida Adolfo Suárez de Lugo por 177.358 euros

LugoXa
As actuacións desta primeira fase inclúen a mellora do pavimento actual, a reposición dunha tubaxe de sumidoiros, o axuste de tapas e a substitución das que estean deterioradas
Rehabilitación-Adolfo-Suárez-Lugo
13 Mar 2026

A Deputación de Lugo deu luz verde aos traballos de transformación da Avenida Adolfo Suárez, un dos principais accesos á capital lucense pola zona da Fervedoira, moi empregado por veciños e veciñas de toda a provincia.

“Adxudicamos por 177.358,20 euros a primeira fase dos traballos na Avenida Adolfo Suárez de Lugo á empresa CHOLO SL”, explicou García Porto. Lembrou que a institución provincial renovará integramente este acceso á capital da provincia cun importe total que supera os 800.000 euros, e subliñou que se trata da entrada pola zona da Fervedoira, que ademais se converterá nunha das futuras conexións coa Estación Intermodal desde a autovía A-6.

As actuacións desta primeira fase inclúen a mellora do pavimento actual, a reposición dunha tubaxe de sumidoiros, o axuste de tapas e a substitución das que estean deterioradas, así como o repintado da vía e a reposición da sinalización.

Esta primeira intervención forma parte dun proxecto máis amplo que tamén contempla unha segunda fase para dotar o acceso de beirarrúas e un trazado máis adecuado.

Segundo a Deputación, estas actuacións mellorarán o aspecto da zona leste da cidade, contribuirán ao seu crecemento, garantirán a accesibilidade e favorecerán unha mobilidade máis eficiente e segura para todos os veciños.

0.14128398895264