AELU organiza a VII Edición dos Premios Son Muller 2024

LugoXa
Os premios Son Muller teñen como obxectivo fomentar a participación da muller no entorno económico e social lucense
Premios-Son-Muller-AELU-Lugo-2024
4 Nov 2024

A Asociación Mulleres Empresarias de Lugo presenta a VII Edición dos Premios Son Muller 2024, que recoñecen a empresarias e emprendedoras lucenses con 4.500 euros, co fin de distinguir o traballo da muller emprendedora, a muller empresaria e a muller empresaria rural.

Os premios Son Muller teñen como obxectivo fomentar a participación da muller no entorno económico e social lucense e contribuir á promoción do traballo das mulleres a prol da dignificación do rural, como un piar económico da provincia.

Anjhara Gómez, presidenta de AELU, destacou “a diversidade, innovación e pluralidade que caracteriza ao sector empresarial lucense”.

Os Premios Son Muller 2024, organizados pola Asociación de mulleres empresarias da provincia de Lugo, coa colaboración da Xunta de Galicia, Deputación de Lugo, Concello de Lugo e ABANCA, contarán con 3 categorías.

A primeira será para a empresaria rural, no que se premiarán proxectos de mulleres en concellos rurais baseados en actividades agrarias e complementarias, agroalimentarias, turísticas, industriais e actividades ou actuacións que recoñeza a súa labor no medio rural, da provincia de Lugo. Neste premio, valorarase a experiencia empresarial, os plans de conciliación de vida persoal e profesional, a creación de emprego feminino, o fomento da igualdade, a creatividade e innovación e o proxecto empresarial que fomente o empoderamento do rural galego.

A segunda categoría é a de empresaria, que leve con actividade dende hai máis de 42 meses dentro do sector rural. Valoraranse positivamente os currículos con ampla experiencia empresarial, os plans de conciliación de vida persoal e profesional, a creación de emprego feminino, o fomento da igualdade, a creatividade e innovación do mesmo.

A terceira categoría é a de emprendedora, que valorará proxectos empresariais non superiores aos 42 meses. Teranse en conta o espírito emprendedor, a creatividade e innovación, o grado de definición do produto ou servizo, a creación de emprego femenino e a orixinalidade no sector.

Xurado e premios

Os Premios Son Muller 2024 contarán cun xurado que estará formado por representantes da xunta directiva de AELU e personalidades de prestixio, pertencentes a distintos ámbitos das administracións, empresas e sociedade lucense. O xurado seleccionará as candidaturas ganadoras e finalistas.

Os premios serán dous para cada categoría Son Empresaria Rural, Son Empresaria e Son Emprendedora: 1.000 euros para cada unha, máis un ano de cota gratuíta como asociada da Asociación de Mulleres Empresarias da provincia de Lugo e un xogo de matrioskiñas galegas, elaborado por artesás lucenses e deseñado especialmente para o premio.

Para as segundas clasificadas en cada unha das categorías de Son Empresaria Rural, Son Empresaria e Son Emprendedora recibirán 500 euros, máis un ano de cota gratuíta como asociada da Asociación de Mulleres Empresarias da provincia de Lugo e un xogo de matrioskiñas galegas, elaborado por artesás lucenses e deseñado especialmente para o premio. Todas as finalistas recibirán un obsequio Son Muller 2024.

Para participar neste certame, será necesario que as participantes teñan o seu domicilio social e fiscal como empresa na provincia de Lugo e estean dadas de alta como autónomas ou ser parte dunha sociedade empresarial. Todas as participantes deberán estar ao día nas obrigas fiscais e coa Seguridade Social, a devandita documentación só será preciso achegala se a participante resulta finalista.

As empresarias e emprendedoras lucenses interesadas en participar nos Premios Son Muller 2024 poden inscribirse en www.empresariaslugo.org dende ata o 28 de Novembro ás 23.59 horas. Toda as bases e información sobre o certame atoparanse na páxina web e no 982 22 69 91.

A entrega de premios ás gañadoras da VII edición dos premios que organiza AELU, terá lugar nun acto o 13 de decembro, ás 20.00 horas no Círculo das Artes, na que tamén se realizará un recoñecemento especial á longa traxectoria empresarial dunha muller referente na provincia de Lugo.

Apoio da Deputación de Lugo

A deputada de Muller e Igualdade, Marisol Morandeira Morandeira, anunciou que a institución provincial achega á entidade lucense 3.500 euros para a organización deste evento, que cumpre xa coa sétima edición, e que se entregarán o vindeiro 13 de decembro no Círculo das Artes de Lugo.

Marisol Morandeira destacou na súa intervención que estes premios “son xa un símbolo no recoñecemento das emprendedoras da nosa provincia. Un distintivo que celebra o esforzo, a creatividade e o talento de tantas mulleres da nosa terra, pero que tamén pon de manifesto a importancia de continuar avanzando en igualdade”.

Nesta liña, a deputada sinalou que “a día de hoxe, as mulleres continúan encontrando máis dificultades que os homes para o seu desenvolvemento profesional e, polo tanto, tamén para o seu éxito”.

A deputada aproveitou para felicitar á Asociación de Mulleres Empresarias da Provincia de Lugo pola labor que desenvolve ao longo de todo o ano, “un traballo constante de apoio, formación e asesoramento a todas aquelas mulleres da provincia de Lugo que apostan polo emprendemento”, subliñou.

Marisol Morandeira tamén avanzou que a institución provincial mantén unha estreita colaboración coa entidade lucense impulsando “diferentes iniciativas encamiñadas á capacitación, á formación e á creación de oportunidades para as mulleres emprendedoras porque somos plenamente conscientes de que ter un tecido asociativo forte é unha garantía para o futuro da provincia”.

A deputada rematou a súa intervención animando a todas as empresarias e emprendedoras de Lugo a participar nestes galardóns “porque son a oportunidade perfecta para dar visibilidade ao seu traballo”.

0.19883799552917