AFALU prepara un programa de actividades polo Día Mundial do Alzhéimer

LugoXa | TerraChaXa
A asociación organizará durante setembro e outubro obradoiros, encontros, accións de sensibilización e actividades para familias e coidadores
Persoal-Afalu-Lugo
7 Sep 2026

AFALU-Alzhéimer Lugo desenvolverá durante os meses de setembro e outubro un amplo programa de actividades con motivo do Día Mundial do Alzhéimer, que se conmemora o 21 de setembro. A programación incluirá propostas culturais, formativas, interxeracionais e de sensibilización en diferentes puntos da provincia de Lugo.

As actividades comezarán o 8 de setembro co inicio do obradoiro de ganchillo "Punto a punto", dirixido a familias asociadas e con inscrición previa. A iniciativa conta coa colaboración do Centro de Artesanía e Deseño da Deputación de Lugo e será impartida pola artesá Lourdes Otero Mato.

O 9 de setembro, ás 11:00 horas, terá lugar "Recordando Lugo", unha visita virtual ao pasado da cidade da man de Guido Guía. A actividade desenvolverase no Centro de Día de Lugo e estará reservada aos usuarios deste centro.

A programación continuará o 19 de setembro, ás 20:00 horas, coa gala "Música polo Alzhéimer", que se celebrará no Círculo das Artes de Lugo. O evento contará coa actuación das Escolas Mancomunadas de Música de Rábade, Begonte, Outeiro de Rei e Friol.

O 21 de setembro, Día Mundial do Alzhéimer, AFALU instalará mesas informativas e de sensibilización nas rúas de Lugo e diferentes edificios públicos da cidade iluminaranse de cor morada. Ese mesmo día, ás 16:30 horas, na Casa do Saber, estrearase o vídeo "Alzhéimer: coñecer para previr e acompañar" e celebrarase o evento central do proxecto Ciencia á Feira 2026/2027.

Tres días despois, o 24 de setembro, será a quenda de "Memorias que deixan pegada", un taller de reminiscencia que reunirá aos usuarios do Centro de Día de Lugo e incluirá unha visita ao Centro de Día de Cospeito, onde se desenvolverá a actividade.

O programa continuará o 30 de setembro con dúas propostas. De 10:30 a 12:00 horas comezará no Concello de Outeiro de Rei o programa "A túa Saúde", que se desenvolverá todos os mércores ata o 2 de decembro. Pola tarde, ás 16:30 horas, a aula de formación de AFALU, na rúa Poeta Díaz Castro, número 10, acollerá o obradoiro "Entre fíos e palabras", unha actividade de relaxación para coidadores baseada en técnicas de amigurumi e aberta ao público xeral.

Finalmente, o 1 de outubro, AFALU organizará unha actividade interxeracional no Colexio Público de Friol, dirixida ao alumnado de educación primaria baixo o lema "Coñecer para comprender, comprender para acompañar".

Formación en diferentes concellos da provincia

A programación complétase con diferentes cursos da Escola Galega de Saúde para Cidadáns, que levarán actividades formativas a varios municipios da provincia.

O calendario inclúe "A arte do Benestar Emocional" e "Envellecer con Enerxía", que se desenvolverán nas seguintes datas:

  • 16 de setembro: Antas de Ulla - "A arte do Benestar Emocional".
  • 17 de setembro: Pedrafita do Cebreiro - "Envellecer con Enerxía".
  • 21 de setembro: Lugo - "A arte do Benestar Emocional".
  • 22 de setembro: Friol - "Envellecer con Enerxía".
  • 23 de setembro: Guitiriz - "A arte do Benestar Emocional".
  • 24 de setembro: A Fonsagrada - "Envellecer con Enerxía".
  • 28 de setembro: Cervantes - "Envellecer con Enerxía".

As persoas interesadas en obter máis información sobre as actividades poden contactar con AFALU no teléfono 607 843 384 ou no correo electrónico afalu@afalu.org.

0.1475350856781