Afalu visibiliza o alzhéimer a través dunha gala en Lugo
Afalu Alzhéimer está inmerso en desenvolver un programa neste mes de setembro co obxectivo de dar visibilidade, apoio e recoñecemento ás persoas enfermas de alzhéimer, ás súas familias, coidadores e persoal. Como acto central da proposta, poñen en marcha a Gala Afalu, na que se poderá desfrutar da marabillosa música de Sons e Soños e o Coro do Hospital. A cita será este sábado 14 ás 20.00 no Salón Rexio do Círculo das Artes de Lugo, onde tamén se entregará o Premio AFALU ao Voluntariado 2024.
Pero ademais, nestas semanas organizan formacións, obradoiros de envellecemento activo, actividades interxenaracionais, actividades para coidadores e para as persoas dos centros, visita virtual adaptada a Lugo, iluminación de edificios públicos e unha xornada aberta de recuperación do ancestral traballo do liño coa artesá Lourdes Otero.
As propostas comezaron o 11 de setembro coa saída cultural Re-coñecendo Lugo. O 18, da man de Guido Guía, organizan unha actividade de realidade virtual adaptada aos usuarios e o 20 terán mesa de sensibilización na Xunta, na Deputación e na rúa Quiroga Ballesteros. Realizarán medición de tensión, valoración cognitivas e exercicios sensoriais e conta coa colaboración do Breogán e Maximus.
O 21 iluminarán os edificios emblemáticos e o 25 na Unidade Terapéutica de Lugo poñen en marcha un obradoiro de artesanía. O 26 terá lugar unha actividade interxeracional no centro de día de Friol e a partir do 24 de setembro desenvolverase un obradoiro de envellecemento activo os martes e xoves na casa Clara Campoamor.