Agacal imparte un curso de gandaría vacún na Fonsagrada

LugoXa
Agacal ten previsto organizar un curso sobre iniciación e mellora da gandaría de vacún de carne do luns día 30 de agosto ata o 3 de setembro.
vacas leite
24 Ago 2021

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), dependente da Consellería do Medio Rural, ten previsto organizar un curso sobre iniciación e mellora da gandaría de vacún de carne. A acción formativa ten previsto desenvolverse dende o vindeiro luns día 30 de agosto ata o 3 de setembro nunha das aulas do antigo instituto da Fonsagrada.

O curso está dirixido a calquera persoa vinculada profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandaría, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, así como mozos e mozas do medio rural galego e persoas con expectativas de incorporación ao sector.

A acción formativa contará cunha duración de 25 horas lectivas entre sesións teóricas e prácticas. En concreto, na parte teórica analizarase a situación actual do sector, as razas de vacún de carne, a alimentación destes animais e a súa reprodución, así como conceptos básicos arredor da comercialización, da sanidade e do manexo ou sobre a implantación e fertilización de prados, entre outros. Pola outra banda, na parte práctica aplicaranse os coñecementos previamente adquiridos. Deste xeito, o obxectivo do curso é incrementar o nivel de profesionalización do sector de vacún de carne galego.

Todos os interesados poderán anotarse no curso cubrindo a solicitude dispoñible na páxina web da Consellería do Medio Rural. Esta deberá remitirse finalmente ao correo electrónico tranferenciatecnoloxica.cmr@xunta.gal. Tamén poden chamar ao número 981 546 689 para máis información.

Cabe engadir que a Axencia Galega da Calidade Alimentaria, mediante a súa oferta de formación continua e regrada, pretende mellorar a produtividade das explotacións e empresas do sector agrario, buscando a xeración de valor engadido no rural co fin de potenciar o relevo xeracional. Os interesados poden consultar as accións formativas e de transferencia organizadas pola Consellería do Medio Rural neste ano 2021 no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas.

0.15922713279724